Os que máis defenden a Constitución española son os mesmos que non entenden como é España. Por fin, falouse nas diferentes linguas no Congreso dos Deputados. Por fin escoitamos o galego na tribuna. Non pasou nada. Ben, si pasou, algo ocorreu. Cando empezaron a falar en galego na tribuna, os radicais e a boa xente que fala español e son moi españois fuxiron con cara de anatema. Se había algunha dúbida de para que servía o galego, xa non hai dúbida. Serve para espantar fascistas. Ben está.
Tamén gañaron o mundial as rapazas da selección española de fútbol. Dous meses antes de gañar había un iluminado na federación que dicía que as rapazas non deberían ter o nome na camiseta porque supoñía un gasto. Agora gañaron e deron unha gran lección cando o presidente abusou do seu poder para chantarlle un bico na boca a unha xogadora. Un bico non consentido é abuso. Penso que serviu para que o aprendese quen non o sabía.
Moitas veces non somos conscientes de que as cousas cambian. Agora un bico non consentido non é unha cousa sen importancia. Agora hai diversidade no Congreso. E cómpre que os que non entendan, fuxan. Marchen. Escapen. Abur, agur, adeu…