Xa levo unhas cantas Romaxes no corpo aínda que a isto hai moita xente que me gaña pero desta volta deime de conta de algo importante. As Romaxes serven para coñecer Galicia indo de carballeira en carballeira, de parroquia en parroquia e de lugar en lugar. Xa son moitos os lugares visitados. Este lugar, para min, era totalmente descoñecido. Incluso cústame pronunciar o nome do concello pero é un lugar ben xeitoso. Pero o bo tamén de percorrer a Terra de Romaxe en Romaxe é que coñeces a cantidade de cousas boas que se están a facer. Tampouco sabía o traballo do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso de Lodoselo. Unha marabilla o ben que fan alí. Xente boa que fai as cousas ben. Xente que coida. Xente que acompaña. A nosa terra está chea de boa xente. Paga a pena dala a coñecer. Mágoa que os medios de comunicación miren a outra parte. Mágoa que a TVG sexa tan insubstancial ás veces e non poña o foco. Por certo, se queredes ver uns programas de humor deses que non saen na Telejaita buscade nas redes sociais “Non saímos do lixo”. O programa de humor que non sae nos medios convencionais. Humor á galega e irreverente. Outra boa xente. Xente que coida do bo humor.