Cando deas un banquete, convida os pobres, os eivados, os coxos e os cegos, e serás ditoso (Lc 14,14).

Quedar primeiro? Non, grazas, só quero
medrar no amor

Non me interesa
chegar primeiro,
nin me motiva
quedar por riba
doutros irmáns.

Se o Deus eterno,
visible en Cristo,
fíxose Servo,
abaixándose
para elevarnos
ata o máis alto,
non quero honores
que me separen
doutros pequenos
e os avergoñe
como importantes…
Comuñón quero,
fraternidade,
tan só amar!

Nin Xesús quere,
cos seus consellos,
que destaquemos
e desfrutemos
ollando atrás
a quen nos segue
co seu andar
lento e cangado,
canso de máis.

Para adestrarnos
nesa humildade
que el viu no Pai,
danos consellos
elementais,
dunha modestia
na arte social
da convivencia,
que axudará
a que medremos
en irmandade.

Son o comezo
doutro baremo,
doutra medida
máis circular
e comunal,
no que o dianteiro
vai derradeiro
para coidar
a quen non chega
canda os demais.

Se o fixo Cristo,
se o Pai o fai,
que é bo camiño
quen negará?
Tan só amar!

E, por amor,
dar o mellor
que poida dar.
En todo, amar.