Hai un par de meses xogouse o mundial de fútbol, que gañou Estados Unidos. Se pensas que toleei ou simplemente non sabes de que falo, explicareicho. Xogouse o mundial feminino en Francia e a verdade é que en certa medida tivo unha aceptación de medios e de acollida mellor ca nas anteriores edicións. Sen a repercusión dos seus compañeiros varóns, van acadando pouco a pouco certa transcendencia. Eu vin algúns partidos con certo interese e gocei cun bo espectáculo deportivo.

Como isto non é unha sección deportiva, cóntovos algo que me pasou vendo un destes partidos. Aproveitei que andaba a miña filla maior pola casa e díxenlle para ver que dicía:

– Sara, mira, o mundial de fútbol. Está xogando Alemaña contra China.

Sara queda mirando a TV durante un pouco de tempo. Logo di:

– Son rapazas!
– Si, claro, as rapazas tamén xogan ao fútbol. Nesta competición xogan rapazas de todo o mundo para ver quen gaña.
– Ah, claro.

Faise un silencio longo, mentres miramos o partido. Un par de xogadas despois, Sara retruca.

– E por que non saen nos cromos?

Non contestei porque realmente non sabía que contestarlle a unha nena de sete anos. Pero de seguro que con tempo atopará a resposta a isto e a moitas preguntas. Porque o importante para certas situacións inxustas é facer preguntas, ser conscientes de que hai realidades nas que non temos respostas racionais e loitar por transformalas. Por certo, a resposta é fácil. Si que Panini fixo un álbum de cromos do mundial feminino.

Vémonos en Vilalba, na Romaxe.