Que me corrixan os biblistas e teólogos se o que vou dicir non é certo, pero só hai un momento no que Xesús aparece cociñando. Trátase de Xn 21, 9. Xesús resucitou e agarda as súas amizades despois dun día de pesca. Agárdaos co almorzo preparado. Peixe á brasa.
Moito me gusta no verán facer comida á brasa. Require tempo, cariño, preparar os ingredientes. A preparación dá lugar a conversas…
Pola contra, de cando en cando, teño que ir a estes restaurantes de comida rápida. Hai que ir a unha pantalla táctil, escoller o que gustas, danche/convérteste nun número, agardas uns minutiños e danche a comida.
Supoño que estaredes comigo que onde haxa unhas xoubas ou un bo anaco de carne feitos con tempiño na brasa, que se quiten todas esas comidas en caixas, con nomes en linguas imperiais.
Xesús agarda a súa xente con peixe e con brasa. Sen présa e coa ledicia do xantar compartido. Do mesmo xeito ca a Romaxe que nos agarda. Hai moita dedicación en cada unha das romaxes. Moitas horas en preparar o texto, o lugar, a música e a comida. Non hai brasas, pero si calor nos corazóns da boa xente que nos reunimos alá. Vémonos en Arzúa.