Que tal foi este verán? Fixeches algo diferente? Agardo que si porque as vacacións sempre chaman a rachar co pesado día a día. De feito, no último “Rumores” dábache unha serie de propostas para facer este verán. Serviuche a proposta?
Eu onte fixen unha cousa que penso que paga a pena coñecer. Pasei un pouco de tempo por Mostrart. Trátase da mostra de artesanía que fan nos Cantóns da Coruña. Xa leva moitos anos celebrándose alí e sempre hai postos moi moi preparados.
Isto dáme pé para reflexionar sobre a importancia que deberiamos darlles aos artesáns. A min resúltame admirable o seu labor. En primeiro lugar, porque hai que ter capacidade artística, que para min resulta difícil. O outro motivo é que todos os artesáns son uns loitadores e unhas loitadoras. Ante un mundo no que se privilexia aquilo que está feito de xeito industrial para o consumo inmediato, hai xente que fai as cousas amodo, seleccionando o mellor para o consumidor. Se cadra, paga a pena comprar roupa feita á man, preto de casa; ou poder comprar algún complemento, algún obxecto para a cociña… Non é tan difícil, non é tan caro.
De todos os xeitos, non nos enleemos. Vémonos axiña, na Romaxe!, polas terras de Culleredo. Estou desexando compartir unha empanada convosco. Rumboia arde!!!