“As mans do Ghrove”
O outro día fun co meu fillo á praza de abastos do Grove. Íamos cedo; a el gústalle, coma a min, madrugar e aproveitar a primeira hora da mañá para facer as compras. Antes de empezar coas compras, tomamos o almorzo na terraza dunha cafetería situada xusto ao lado do mercado. Alí coincidimos habitualmente veraneantes con homes do mar.
Ao carón da nosa mesa había un grupo de mariñeiros que comentaban anécdotas do mar. Falaban forte e o seu falar chegaba claro á nosa mesa. O meu fillo escoitaba impresionado. Eu díxenlle que mirase atentamente as súas mans. O raparigo preguntoume por que as tiñan tan grandes, e expliqueille que detrás desas mans duras había horas e horas de esforzo e traballo no mar para que nós puidésemos comer o peixe que iamos comprar. Logo confesoume o que tanto o impresionaba.
—Papá, hablan raro.
—Cariño, falan galego.
—Non o falan coma ti.
Entón deille unha explicación sinxela sobre dialectoloxía do galego que axiña aburriu a Xoanciño.
Oxalá esas mans duras reteñan o seu falar forte e cantareiro da xente do Ghrove. Que haxa diversidade tamén na lingua é algo fantástico. Mais que haxa galego, diverso, necesita de moitas mans. Tamén das mans suaves miñas e mais das do meu fillo.