Xandre vive!
Non foi sen tempo, pero mellor tarde ca nunca. O goberno anulou a sentenza de morte de Alexandre Bóveda. Un xesto simbólico que non ten ningún tipo de transcendencia máis alá do simbolismo.
De verdade, impresiona a historia da súa vida de loita e o testemuño que deu ante o xurado que o ía asasinar. “A miña patria natural é Galicia. Ámoa fervorosamente…”. Un auténtico credo de alguén que sabía que de aí non saía con vida. As súas palabras eran de amor ante un xurado que, de seguro, estaba cheo de xenreira. Tampouco deixa indiferente a ninguén a carta de despedida, chamando “vidiña” á súa muller. Para min, é delicioso o final: “Recei contigo”. Esas dúas últimas palabras son toda unha testemuña de fe comunitaria. Rezar xuntos é a transcendencia do cotián, a fraternidade do Noso Pai. Se cadra, os seus asasinos eran de misa dominical, pero non de rezar xuntos.
As ensinanzas de Alexandre chegan ata os nosos días. A súa filla Amalia, que estaba no ventre da nai o 17 de agosto de 1936, foi quen recibiu a anulación da sentenza das mans de Pedro Sánchez. A man que recibía a anulación levaba no pulso a pulseira de pedida que o pai lle dera á nai. Isto é o que algúns teólogos chaman un sacramento. Xandre vive.