Supoño que todos coñecedes alguén que se dedica agora a correr por estar en forma. Son os chamados “runners”. Para selo é preciso estar ben equipado. Para iso hai que ir a unha gran superficie e comprar unhas boas zapatillas deportivas, unha malla axustada ao corpo, unha camiseta transpirable, uns calcetíns axeitados… Chega a min a historia dunha rapaza á que tamén lle gusta iso de correr. Trátase de Lorena Ramírez. É unha rapaza mexicana de 22 aniños, campioa de ultramaratón transmontano. Unha carreira duns cen quilómetros por montañas.
Esta rapaza é da etnia dos rarámuri, que na súa lingua significa “dos pés lixeiros”. Corre con sandalias de plástico e coa vestimenta tradicional. Isto de por si xa ten que ser unha chamada de atención. Ante o dominio da homoxeneidade, unha atleta reivindica a superación sen esquecer o que é propio dun mesmo. Se ides polos parques, veredes que case todas as persoas que corren parece que o fan para un catálogo dalgunha coñecida marca deportiva.
Ser diferente, correr diferente, presentarse ante o mundo sendo como es, sen esquecer as raíces, supón un esforzo. É por iso que o cantante Jorge Drexler fixo unha canción dedicada a ela. Deberías escoitala.
Comezamos unha nova etapa e Irimia con esta revista 1001. Oxalá sigamos correndo como ata agora, sen esquecer de onde vimos e que é o que nos caracteriza. Como Lorena. Como os rarámuri.