Andamos uns cantos un pouco amolados polo feito de que unha das poucas actividades para escolares que era exclusivamente en galego pasase ao bilingüismo cordial e harmónico. É o Parlamento Xove. Aos poucos vaise levando adiante o proceso institucional de demolición da lingua.
De cando en cando podemos observar pequenos gromos que fan pensar que aínda hai algunha esperanza. Por exemplo, temos o #dígochoeu. Uns breves espazos da televisión que falan positivamente da lingua explicando cuestións sinxelas da gramática e o léxico fundamental do galego. Circulan moi ben nas redes sociais. Gústame especialmente que son moi frescos e moi pensados para a xente nova (a xeración tik tok) Tamén hai boa xente nova que busca presentar cuestións sobre lingua e literatura achegándose á xente nova. Penso nun vídeo que circula por aí que é o trap dos pronomes dun tal “aquel-e”, na que a ritmo de algo parecido ao reguetón explica a colocación dos pronomes. Ou calquera dos vídeos deste rapaz en Youtube ou os de Nee Barros, un rapaz que conta cousas sobre literatura galega e escribe poesía, teatro…
Algunha rapazada nova usa as novas tecnoloxías e os seus códigos para o uso do galego. Porque todo se pode facer en galego, non si?