Para que algo cambie é necesario que comece a moverse. Estamos tomando conciencia dun asunto que nos debería preocupar e que habitualmente ocultabamos. Trátase da saúde mental.

Durante moito tempo falar de enfermidades mentais era un tabú. Aínda agora ocúltanse e empréganse moitos eufemismos para evitar falar delas. Dicir que alguén estaba a tratamento psiquiátrico era como recoñecer que estaba tolo. Porén, todo o mundo sabe que ese tipo de enfermidades son moi habituais e mesmo chegan a ser mortais.

De todos os xeitos, estou seguro de que coñeces alguén que está ou estivo a tratamento por algunha enfermidade deste tipo. Estar de baixa por depresión, tomar medicación pola ansiedade ou incluso bipolaridade ou esquizofrenia están nesa lista de enfermidades que cada vez máis nos preocupan.

É importante que se fale delas e que se fale moito. Que se recoñeza a súa existencia en persoas concretas e que quen precise poida pedir axuda sen ser marcado por un estigma. Debemos ter a seguridade de pedir axuda, recibila e ser comprendidos. Oxalá as nosas autoridades tomen nota e invistan tamén neste campo da saúde.