Tamén pode ser unha nova nefasta, xa que non deixa de ser a interferencia dun Estado, neste caso o australiano, no labor educativo que teñen que facer os proxenitores. Ademais, pode resultar un “brinde ao sol”, xa que a rapazada sabe mil xeitos de saltar esa prohibición e seguir empregando o que lles gusta. Poñer límites a internet é poñer portas ao campo.
De todos os xeitos, eu alégrome do debate. Está ben que se fale do tema. Que se conte que en internet hai moito engano. Que os corpos esculturais e as dietas milagreiras que aparecen nas redes son pouco fiables. Tamén está ben o que din unha parella de adolescentes que afirman que a prohibición limita a súa liberdade de expresión política. Gústame este argumento porque presupón que as persoas menores tamén teñen dereito á expresión política e, xa que logo, tamén ao compromiso e á implicación.
A adolescencia é moitas veces un mundo paralelo ao mundo dos adultos. Eles e elas teñen os seus propios problemas, o seu léxico e tamén os seus debates. Non estaría de máis escoitalos e saber que lles preocupa.