“O verán é un tempo estupendo para gozar con boas lecturas. Feliz verán”. En todas as materias nas que imparto clase, a todos aqueles que aprobaron, nos boletíns de cualificación póñolles esta observación. Así podo marchar ás miñas vacacións convencido de que sen dúbida os meus alumnos e alumnas acudirán en masa ás bibliotecas e librerías e aprovisionaranse de libros cos que gozar no período estival. Xa sei, ho, son un inxenuo. Pero pinga a pinga, día a día se cadra un ou dous…
Neste rumores vou facer o mesmo convosco. Vou recomendarvos que gocedes con boas lecturas pero no voso caso vou facer outra cousiña. Vou facer un par de suxestións por se andades un pouco perdidos.
Esta ben xeitosa a novela de Domingo Villar O último barco. Nela segue coa continuación das dúas anteriores novelas policiais protagonizadas polo inspector Leo Caldas. Neste caso ambientada na Ría de Vigo presenta unha trama máis elaborada que nas anteriores. Ben se nota que o autor botou case dez anos en parila.
Tamén vou confesar a miña debilidade por Miguel Anxo Murado. Para min calquera dos seus libros son xeitosos pero se non queres botar lendo grandes cantidades de páxinas aconsélloche Tres minutos no aire. Son as intervencións radiofónicas do autor no tristemente desaparecido Diario cultural da Radio Galega e ao seren tres minutos os capítulos lense a fume de carozo. Unha boa cantidade de anécdotas xeitosas enchen o libro.
Se non te convencen as miñas propostas proba con outras. Pero le, fai do verán un tempo de gozo. Se non, vas quedar para setembro. Feliz verán.