Pois estamos en campaña electoral e comezan as promesas e os agasallos. O 12 de xullo saberemos o final desta campaña tan diferente ás outras. Non sei como vai rematar isto e tampouco é o meu labor facer prognósticos. Para iso haberá artigos na revista que seguro darán unha maior idea de por onde van as cousas.

Un dos agasallos que acabamos de coñecer é o dos 250 euros para os sanitarios/as coidadores/as e xente que partiu o peito nisto da COVID. 250 euros para gastar en restaurantes, viaxes… En libros non, non vaia ser que alguén queira facer algo revolucionario coma ler. Ben merecen todo o recoñecemento. 250 euros son pouco.

E que fixeron estes colectivos con estes 250 euros? Pois responder que poden meter os cartos… Xaannn, para!, que te lanzas…! Pois iso, outra lección dos profesionais que loitan por nós. Non queren unha propina. Queren seguir facendo o que fan con dignidade e con mellores medios. O caso é que houbo moitos altofalantes para dicir unha cousa e non os hai case para a resposta. Pero xa se sabe, os rumores non precisan altofalantes.

Que teñades un feliz verán e gozade da vida.