Por unha terrible e desgraciada noticia fíxose popular a historia de Ángeles Alvariño. Muller galega e oceanógrafa, descubriu 22 especies diferentes de zooplancto mariño. Ademais tamén as noticias traen dende hai un ano o nome da enfermeira Isabel Zendal, tamén galega e unha das mulleres heroínas da vacinación contra a varíola no mundo.

Realmente pouco sabemos da historia de moitas mulleres que fixeron avances incribles na investigación e divulgación científicas. Por desgraza, a historia foinos quitando sistematicamente o pracer de descubrir a achega das mulleres na ciencia. Ese maldito tópico de detrás dun gran home hai unha gran muller fai que os homes continúen ocultando mulleres que merecen o recoñecemento da sociedade.

Cando chega o número previo ao verán sempre mando algún tipo de tarefa. Normalmente era ler libros ou ver películas. Este ano vouche pedir que investigues un pouco sobre Isabel Zendal ou Ángeles Alvariño. Son vidas interesantes. Ademais tamén engade á lista nomes como Olimpia Valencia, María Wonenburger, Ángela Ruíz, Begoña Vila, Ramona Vaamonde, Eugenia Pereira, Antonia Ferrín… Todas elas teñen en común seren galegas e seren científicas. Estou convencido de que a miña lista é cativa. Seguro que haberá máis pero eu descoñezo os seus nomes. Que teñades un bo verán.