En internet abundan os retos. Moitas veces son retos absurdos que pretenden facer que a xente comparta a través das redes o seu aburrimento. Eu fíxenlles unha proposta de retos aos meus alumnos e alumnas para este verán, que adaptándoos poden valerche. Dígochos e ti pensa se che pagan a pena.
Primeiro reto: neste verán aprende algo que non souberas. Pode ser mecanografía, algo de pintura, algo de escritura creativa, unha receita de cociña…
Segundo reto: le un libro que che resulte difícil, mira unha película en branco e negro, escoita un xénero musical que non adoites escoitar e que teñas curiosidade.
Terceiro reto: observa a natureza. Utiliza algún tempo en mirar o que te rodea. Fíxate nas cores do amencer ou da posta do sol. Mira detidamente as flores do campo ou algún animal.
Cuarto reto: faite “especialista” en algo. Escolle un tema que che guste e afonda nel. Pode ser mediante vídeos en internet, lecturas… Só pola curiosidade de saber máis e de ver diferentes puntos de vista.
Quinto: pasa tempo cos demais. Tempo exclusivo. Eu aos meus alumnos dígolles que falen cos seus avós, que miren algún álbum de fotos con eles, que lles conten cousas da súa infancia. Que aproveiten a bendición de telos.
Sexto: desconecta. Serías quen de pasar vinte e catro horas sen pantallas? Aquí é onde o meu alumnado pon os ollos en branco.
Que teñas un bo verán.