Hai algo nos meus alumnos e alumnas que me fascina porque o considero un avance respecto do que eran os meus tempos. Á xente nova encántalle viaxar e faino moito. Aforran e gastan cartos en percorrer mundo buscando ofertas xeitosas que lles permiten coñecer moitos lugares. Unha das máis populares é o Interrail. Cun prezo razoable e cunha mochila, poden percorrer boa parte de Europa ao seu ritmo.

Ademais hai que falar da popularización do Erasmus, que fai que o ámbito universitario se abra e non se centre só nunha única cidade. Cada vez son máis os que fan os seus estudos superiores en varios lugares, completando a súa formación.

Esta mentalidade de rachar o ámbito da súa casa e o seu lugar benefícianos a todos. Que a nosa mocidade viaxe, cambie de grupos, coñeza países, costumes, lugares, climas, comidas… fainos máis flexibles como sociedade. É o antídoto ideal para aqueles que buscan sinalar o propio, rexeitando o alleo. Oxalá que esta mentalidade acabe transformándose en sentido crítico contra a extrema dereita que tamén xorde en Europa. Abofé.