Tamén somos un sitio distinto en cuestión de festas. Aquí temos todo tipo de festas. Hai a quen lles gusta dálo todo coa Panorama ou co Combo. Quen se pon ata o bigote con festas gastronómicas ou loita con cabalos. Hai de todo. Pero o que demostramos hai uns días é que hai certas festas que non gustan. Aí tamén temos certa independencia. Así os extremistas de “Se acabó la fiesta” non sacaron case nada neste sitio distinto (2% en Galicia e o 5 en España) porque aquí certas festas son cousas tan exóticas coma as touradas. Aquí o touro e a vaca son animais sagrados tal como dicía Castelao “lástema de bois”.
Porque levamos moitas eleccións demostrando que hai cousas que aquí non van. Certo que vemos as eleccións e se cadra gustaríanos outros resultados pero aquí as cousas exóticas coma “ciudadanos” “UpyD” “Vox” “SALF” e todos eses enxendros logran os mesmos resultados que España en Eurovisión. Aquí, a España cañí vai de cañas. Votamos raro para ben e para mal. Sitio distinto.