Os que levamos anos neste negocio da educación vivimos unha situación moi similar á que vivín eu hai uns días. Atopábame eu nun bar cuns amigos tomando algo, cando un mozo se abre paso entre a xente e achégase a min.

—Ola, ti es Xan, verdade? Fuches profesor meu…

Nese momento o meu cerebro trata de procesar o seu nome, asocialo á súa cara e a un lugar… pero é imposible. Nunca se me deu ben lembrar nomes e cambian tanto en tan pouco tempo que non dou.

—Eu son (dá un nome e un apelido dos que só me lembro algo).

—Ah, si —contesto sen moita convicción.

El continúa falando:

—Eu non era moi bo estudante daquela. De feito, ti suspendéchesme… e custoume moito quitar a túa materia.

Vendo que a conversa non me interesaba moito, por se era un resentido, decidín cambiar o tema.

—Ben, e agora que fas?

—Quitei un ciclo superior de formación profesional e agora traballo de…

—Estás contento?

—Si, váime moi ben.

Pero el quería afondar no tema do suspenso e volveu a el.

—Só che quería agradecer que me suspendeses e que foses esixente comigo. Grazas a iso puxen as pilas e aprendín o valor das cousas que custan.

Non sei ben quen é ese rapaz. Ao longo dos anos que levo nisto pasaron moitos aprobados e moitos suspensos. Xente boa, regular, mala. Pero gustoume que agradecese que lle fixese traballar. O que sae de balde non o valoramos. Só ten valor o que custa, e non me refiro (só) aos cartos.