Hoxe vou falar ben dalgúns políticos. En contra do que habitualmente pensamos, hai unha caste política que paga a pena. Nin tan sequera son caste nin tan sequera son políticos. Estoume a referir a aqueles que en momentos da súa vida deciden participar da vida pública só por querer facer un mundo un pouco mellor.
Rematamos as eleccións municipais e cada concello tivo varias listas. Nestas listas había xente que estaba por carreira política, ambición ou boa intención. Son aqueles que viven da política ou aos que simplemente lles gusta iso e queren facer da política o seu xeito de vida. Se o fan de xeito honrado, son xente moi necesaria. Tamén están os que non teñen ambición e saben que iso da política non vai con eles e, de todos os xeitos, botan unha man. Van polas parroquias presentando candidatos. Botan horas en reunións ou asembleas decidindo accións para levar adiante. Mandan mensaxes ao móbil para animar a participar en tal ou cal asunto. Ás veces fanse pesados coa súa teima, pero non desalentan. Cando lles preguntas, dinche que están nas listas no posto dezaoito ou catorce… e que sería necesaria unha debacle de magnitudes cósmicas para que saian elexidos.
Todos coñecemos uns cantos. Son os mesmos que ao día seguinte das eleccións seguen indo ao seu traballo con cara cansa porque na noite anterior estiveron na sede do partido seguindo os resultados. Son a cara loitadora da política. Os voluntarios dos partidos. Os que cren que o mundo pode cambiar desde aí. Oxalá eles si enchesen os escanos.