Cando chegamos ao número mil de Irimia, dixéronnos que ían darlle un pulo á Irimia dixital. Era difícil non caer na tentación de quedar no mundo da internet e esquecer o papel, pero seguimos podendo rachar o plástico cando chega á caixa de correo e acariñando a nosa revista. De todos os xeitos, como dicía hai case quince anos un amigo meu, o que non está na rede non existe, e Irimia existe na rede.
Veño de dar unha volta pola nova páxina web (Irimia.gal) e dá gusto vela. Sinxeliña, xeitosiña, fácil de usar… Algo que non é frecuente en moitas webs que andan por aí e que son coma eses faiados cheos de cousas que se van acumulando e que chega un momento no que non se sabe cando chegaron aí… Dá a sensación de familiaridade e de que o asunto está ben coidado.
É que neste tempo que estamos por rematar tivemos que aprender moitas cousas, sobre todo da rede. Tivemos que botar man da fiestra virtual para ver o noso mundo e coido que aprendemos dúas cousas. Esta fiestra tamén hai que coidala. Se queremos que o mundo virtual sexa útil, temos que ter un pouco de sentidiño e organización. Ademais aprendemos que o mundo é máis grande que unha pantalla e que é marabilloso sentir o aire na cara. Cando neste desconfinamento vaiades á praia, pechade a pantalla e os ollos e sentídeo. Un luxo de felicidade.