As cousas que lembramos da nosa época de estudantes son curiosas. Eu lembro un profesor que nos contou que dos elementos que supuxo unha grande evolución na historia do ser humano foi a presenza do dedo polgar retráctil. Isto fai que poidamos coller cousas, construír ferramentas…

Hai uns días saltou a noticia que dicía que apareceron os restos dun humano que tiña un óso curado dunha fractura. Isto implicaba que houbo xente da súa contorna que coidou esta persoa, preocupouse por ela. Tamén vimos a noticia dun soterramento dun neno prehistórico en África cunha especie de almofada na cabeza. Isto implica rito, transcendencia, dó…

Gústame pensar que o que nos caracteriza como seres humanos dende as nosas orixes é a capacidade de creación, o acompañamento do doente, o cariño para os nosos antergos… Eses son os elementos esencias da nosa especie. Cando vexo as fotos da voluntaria de Cruz Vermella acollendo o inmigrante ou a do Garda Civil salvando o bebé de morrer afogado, coido que fan o que é substancial en nós como especie. Se cadra, os que non o ven así é que aínda están nunha escala evolutiva inferior.