Hai uns días choramos a morte de Domingo Villar. Era un grande escritor que lle deu un pulo á literatura galega escribindo tres grandes éxitos de vendas traducidos a quince idiomas e un divertido libro de contos. Foise novo e de súpeto. Unha mágoa porque aínda tiña moitas páxinas para escribir. Pero esta sección busca dar motivos para a esperanza e iso vou tentalo eu.
Tiven a sorte de coñecer a Domingo no comezo da súa carreira literaria. Ao pouco de publicar Ollos de auga, conseguín que viñese ás miñas aulas para falar coa rapazada. Para animar a actividade, díxenlles que cada un lle escribise unha carta para que el, que daquela era inexperto niso de falar ante a xente, tivese unhas ideas para saber de que podía falar. Chegou á aula bastante ríxido pola experiencia de falar ante adolescentes. Fíxoo ben, pero notábase que non estaba no seu ámbito. Ao rematar, deume un paquete e díxome: “Isto para os rapaces”. Era a contestación a todas e cada unha das cartas dos meus estudantes. Cando lle comentei que iso era moito traballo e que dende logo non tiña que facelo, díxome: “Home, se me escribiron haberá que contestarlles!”.
Aos poucos foi gañando xeito de falar en público en entrevistas, aulas e presentacións de libros. Todos os que o coñecían simpatizaban con el porque era moi próximo. Domingo era un grandísimo escritor, pero os que o coñecemos sabemos que aínda era mellor persoa.