Coñecemos a vida de Iria Eiras como campaneira e sancristá de San Xurxo de Vea e o seu xeito de tecer comunidade

Neste número de verán, atendemos ao son das campás do val de Vea e procuramos alimento no que as campás eran e son á comunidade. Nun mundo de ruído e fume, quen aínda escoita as campás ten a mirada e o escoitar atentos, fai parte.

Iria, muller nova, fotógrafa, cristiá, campaneira e sancristá da túa parroquia, es unha excepción ao común, non?
Non me considero unha excepción, hai moitas sancristás e, ainda que o oficio de tocar a campá o adoitamos ligalo, actualmente, ao xénero masculino, realmente sempre houbo moitas mulleres campaneiras. En moitos casos os campaneiros oficialmente eran homes, pero logo tocaban as mulleres porque moitos deles cos seus traballos non podían realizar todos os toques. Sen ir máis lonxe, na catedral de Mondoñedo, veñen rexistradas nos libros parroquiais varias campaneiras, que quedaron ao cargo do oficio trala morte de pais ou esposos.

De onde che vén esa implicación coa parroquia? Sempre fuches crente?
Eu sempre estiven bastante ligada á vida parroquial por mor da miña familia. Xa con 17 anos fun catequista na parroquia. Actualmente acabei de sancristá porque o noso párroco, con 90 anos, pediumo para substituír o sancristán anterior. Sempre foi un bo amigo da familia e por botarlle unha man. Así comecei tamén a interesarme pola linguaxe das campás e o significado dos toques que, lamentablemente, se están perdendo ante a falta de relevo xeracional e a automatización das campás con martelos mecánicos.

Pódese dicir que era o whatsapp da época e a maneira de comunicarse?
Antes cada parroquia tiña os seus toques propios. Calquera veciño con escoitar a campá sabía, por exemplo, se o falecido era home ou muller e de que parroquia dos arredores, incluso a idade polo longo das carreiras. Outro exemplo, nas cidades, cada barrio ou zona tiña o seu propio toque a lume, cando había un incendio todas tocaban o toque desa zona para que os veciños acudiran a axudar a apagalo e non se estendese polo resto da cidade.

Alén do espiritual, a parroquia aínda vertebra un lugar común de encontro nas nosas aldeas, non? Como é na vosa?
Na nosa, eu creo que é unha das que máis xente acode da zona, sobre todo dende que hai uns anos houbo bastantes falecidos. É un hábito máis alá xa da devoción, unha maneira de xuntarse os veciños e facer comunidade, sobre todo para a xente maior ao perderse moito das relacións entre veciños que se tiñan antes para axudar no agro. Na nosa zona segue habendo moito cultivo e gando, pero agora coa mecanización que quita moito traballo manual, non se xunta a veciñanza coma antes para traballar as leiras.

Por que te fixeches campaneira? Que implica na túa vida esta responsabilidade?
Na miña parroquia hai martelos mecánicos, pero non ten nada que ver co toque manual, sobre todo cando se repica a festa. Para min unha festa sen campá, non é festa. Dous campaneiros realizando o mesmo toque nunca van soar igual, o son vai variar en función da intensidade do golpeo, da velocidade, incluso da zona da campá onde se pegue ou como se colla o badal. Tocando en manual podes xogar a variar o ritmo e a intensidade do golpeo facendo o son máis forte ou máis suave. Cando hai defunto, tamén me gusta subir ao campanario para darlle a última despedida.

Iria Eiras, tocando as campás de San Xurxo de Vea

Iria Eiras, tocando as campás de San Xurxo de Vea

A veciñanza faille caso á campá?
Hoxe en día xa se perderon os toques, cando os veciños escoitan a campá fóra das horas (que dan as horas durante o día) xa chaman preguntando quen faleceu.

Tes relevo? Está alguén aprendendo de ti?
Na miña parroquia aínda quedan varios veciños que saben repicar e téñeno feito polas festas, pero é un campanario difícil para ensinar a cativos por como están colocadas as campás. As miñas fillas teñen probado con campás pequenas e gústalles, quen sabe? Igual nun futuro se interesan tamén e comezan a tocar.

Xa levas anos nisto, notas aversión da xente nova á vida parroquial?
Eu non noto aversión da xente nova, salvo casos puntuais, como en todo. Si é certo que hoxe en día hai moitas opcións de ocio as fins de semana e a xente nova prioriza outras actividades, pero se vas a romarías, santuarios ou á catedral verás xente de todas as idades. Simplemente viven a súa fe doutro xeito.

Como cres que a vida parroquial pode contribuír ao desafío de vivir en común unión?
A vida parroquial contribúe a xuntar aos veciños, compartir inquietudes e intereses. Nós abrimos o primeiro domingo de cada mes un local veciñal, ten moita aceptación, os veciños acoden para xogar as cartas, charlar, xogar os cativos… creo que fai un labor social importante, sobre todo para a xente que vive soa.

Algunha reflexión que che gustaría compartir con nós?
Se por algo se caracterizou o rural é pola comunidade e confraternización entre todos os veciños, sempre dispostos a axudarse e formar unha gran familia. Cada vez a xente é máis independente, vive con máis estrés e busca o ocio nas cidades. Estamos perdendo algo moi valioso, que deberiamos coidar.