
Non por previsible resulta menos triste a noticia do falecemento do papa Francisco. Doce anos de pontificado que, na liña de Xoán XXIII e do Concilio Vaticano II, iniciaron un cambio de rumbo na Igrexa, esa institución tan antiga como difícil de mover. E pur si muove! Francisco abriu camiños de encontro e de abaixamento: levou o Evanxeo ao Vaticano. Fixo fondas reformas na Curia e mellorou a transparencia económica. Retrátano tamén as súas visitas pastorais: a primeira foi a Lampedusa, en plena crise migratoria; a última, hai catro días, ao cárcere Regina Coeli de Roma.
Fixo o que ningún papa fixera antes: dar os primeiros pasos cara á igualdade.
Foi un papa en diálogo, aberto ao mundo, que renunciou aos pazos papais para vivir en Santa Marta. Vímolo no comedor, coa súa bandexa na man, sentado á mesa con quen había na casa. Puxo coto ao clericalismo, rematou co Sodalicio e coas prelaturas persoais (nomeadamente a do Opus Dei). Púxose no lugar das vítimas e afrontou con seriedade e dureza os abusos no seo da Igrexa, descabezando a quen os protexía (o caso dos bispos de Chile) e avogando pola implementación, nas dioceses, de oficinas de atención ás vítimas.
Vimos un papa esforzado na apertura da Igrexa á sociedade, que nos animaba a saír ao mundo, a pisar as periferias sen medo a luxarnos (Evangelii Gaudium), que apostaba fortemente polo coidado da casa común, elevando a ecoloxía a categoría espiritual e denunciando os modelos económicos que arrasan coa terra e xeran empobrecidos (Laudato Si’). Vímolo urxir á comensalidade aberta da fraternidade universal (Fratelli Tutti) e pedíunos acompañamento, comprensión e respecto ás diferenzas humanas nas distintas situacións vitais, reivindicando a tenrura como ferramenta pastoral (Amoris Laetitia).
Tamén lle vimos cambiar nestes doce anos a forma de vernos a nós, as mulleres. Fixo o que ningún papa fixera antes: dar os primeiros pasos cara á igualdade. Pasos tímidos, si, pero decididos. Se hoxe as mulleres ocupamos espazos de goberno na Igrexa é grazas ao empeño de Francisco.
O camiño da igualdade apenas está empezado, e non podemos menos que mirar adiante e preguntarnos: seguirá? Que pasará agora nas dioceses, nas parroquias, nos dicasterios… nos que a presenza feminina empezaba a ser relevante en cargos de responsabilidade?
E, aínda con máis amplitude, preguntámonos: que pasará co legado que Francisco deixa? Volverá o novo papa a poñer os escarpíns colorados? Volverase pechar no seu pazo? Que pasará nesas dioceses onde os seus bispos empezaban, tímidamente, a dar pasos de apertura evanxélica?
A homilía do papa do pasado domingo falaba de paz, de acollida, de xustiza nun mundo no que, cada día que pasa, se fan máis necesarias… Quen vai soster esa esperanza?