Este senlleiro núcleo arqueolóxico e artístico segue sendo aínda hoxe un lugar de filiación, cronoloxía, funcións e usos aínda discutidos, cando non enigmáticos, ao que contribuíron enormemente as vicisitudes do seu descubrimento, as súas reutilizacións, reformas e mesmo as súas sucesivas restauracións, todo o cal deu pé continuamente a novas hipóteses e interpretacións.

Bóveda, fachada
Bóveda non é un elemento illado, pois se insire nun contexto arqueolóxico moi denso e interesante
A esta etapa inicial do monumento, de orixe e duración aínda non ben determinada, sucedería logo unha readaptación e reutilización como cripta paleocristiá, reaproveitada á súa vez en época prerrománica (Núñez Rodríguez, Schlunk, Berenguer, Singul, Blanco Rotea…), románica e aínda posteriores. Son os traballos de Enrique Montenegro na última década os que definen mellor a singularidade do monumento, que sería un mausoleo de culto báquico, así como a súa significación arqueolóxica e histórica e a súa relación con outros xacementos e achados da mesma zona do val do río Mera, aínda que Rebeca Blanco incide máis na etapa prerrománica e asturiana.
Á parte dos problemas que aínda suscita como xacemento arqueolóxico, moi deturpado polas sucesivas intervencións nel e no seu contorno, a súa maior singularidade e orixinalidade estriba na complementariedade (e cunha aparente lóxica interna) de arquitectura, escultura e pintura nun só conxunto: un edificio de dúas plantas de tipo rectangular, acollendo a de abaixo un estanque ou piscina (logo tapada xa en tempos antigos) e cun pórtico onde algunhas pedras mostran relevos de temática humana —danzantes— e animal —varias aves—, motivo este último que é o escollido, xunto cun entretecido vexetal (trellis) e de casetóns xeométricos, para as pinturas que decoraban a bóveda interior de medio canón, hoxe parcialmente perdida.

Bóveda, interior
Estamos nas beiras da vía romana XIX, que unía Lugo e Iria Flavia
Bóveda, xaora, non é un elemento illado, pois se insire nun contexto arqueolóxico moi denso e interesante, como demostran os estudos de E. Montenegro e como xa apuntaran no seu día Nicandro Ares e outros autores.
De primeiras, hai que citar o veciño Castro de Corvazal ou de Cabanas e as súas leiras intermedias, cheas de achados e datos que permiten relacionar ambos os dous xacementos. En Corvazal, onde hai anos se fixo algunha cata arqueolóxica, apareceu unha fonte empedrada que ten claras semellanzas coa arqueta orixinal que regulaba a auga da piscina de Bóveda, e de novo aparece aquí o elemento acuífero como referencia e mesmo explicación da traza deste monumento.

Castro de Corvazal, fonte
Hai que lembrar que estamos nas beiras da vía romana XIX, que unía Lugo e Iria Flavia (e que serviu logo para o trazado do Camiño Primitivo que ía de Oviedo a Santiago) e, por iso, non é de estrañar a abundancia de restos de ocupación humana na etapa castrexa e romana.
