O fondo da ría de Arousa, coa desembocadura do Ulla, é moito máis ca unha paraxe vistosa e atractiva, pese a que foi estragada en parte por unha ponte entre as provincias da Coruña e Pontevedra, seica moi necesaria para unir as dúas beiras do Ulla na súa parte máis estreita, iso seguindo, claro, só criterios puramente economicistas, pero que se ergueu (inxustamente) mesmo por riba dun conxunto patrimonial de moitos valores arqueolóxicos e históricos.
Torres de Oeste a comezos dos anos 70
Torres de Oeste a comezos dos anos 70
Desde tempos protohistóricos esta zona usouse como vía de acceso ao interior de Galicia na súa fachada occidental, seguindo o val do Ulla e, logo, ascendendo polo val do Sar arriba, por terras de Iria Flavia, un enclave fundamental en época galaico-romana e altomedieval.

Desde fins da época medieval, as Torres de Oeste sufriron unha longa etapa de abandono

Nesa bocana do Ulla, entre marismas e pequenas illas e illotes (como a Illa dos Ratos que ten chantado un cruceiro) está o xacemento-monumento das Torres de Oeste, que non do Oeste pois non se refire ao punto cardinal senón que este nome provén dun Honestus, nome xa latino e ben romano pero que tamén pode ser medieval, como logo se dirá.

Este sitio arqueolóxico foi obxecto de traballos e estudos moi diversos en entidade, obxectivos e métodos desde o s. XVIII e os anos 40-50 (Ángel del Castillo, Chamoso Lamas, Pons Sorolla…) pasando polas escavacións de Alberto Balil (da USC, entre 1970 e 1973), e posteriormente outras de Juan Naveiro e de Francisco Hervés e ata os últimos estudos de Diego Piay e o propio Naveiro, que permiten facermos un resumo da súa historia, moi vinculada aos usos comerciais e tamén ao control estratéxico dun amplo territorio, baseándose na documentación escrita e nos restos arqueolóxicos.

Torres de Oeste. Plano referido ó XIII (de Piay e Naveiro 2023)
Torres de Oeste. Plano referido ó XIII (de Piay e Naveiro 2023)
Xa na Idade do Bronce, hai máis de 3.000 anos, documéntanse na boca do Ulla algúns petróglifos, pezas (como armas) no fondo da ría e mesmo restos dunha roda de carro que se tivo por prehistórica ata que se comprobou que era moito máis moderna. E por suposto, e como en toda Galicia, os asentamentos castrexos abundan nesta comarca.

Pero o enclave das Torres de Oeste comeza a acadar importancia como asentamento de época galaico-romano, tamén con algúns restos da Idade do Ferro pero, sobre todo, vinculado ás vías marítimo-terrestres de implantación romana, ao comercio e, neste caso, ao importante papel do núcleo semiurbano de Iria Flavia. (Mesmo ás veces relacionouse co monumento da Turris Augusti que mencionan algúns autores latinos pero non pode certificarse tal cousa).

A importancia das Torres no período medieval queda constatada xa desde os séculos V-VI na documentación e nos restos arqueolóxicos e monumentais máis realmente visibles, converténdose nun punto fortificado clave na defensa da costa e do acceso ao interior do país (as Terras de Santiago) ante as incursións viquingas ou normandas sobre todo nos s. IX e X.

Unha das torres e a capela de Santiago
Unha das torres e a capela de Santiago
A esa etapa e en concreto ao reinado de Afonso III pertencería unha lápida con cruz e texto achada nas mesmas Torres, e tense asociado a elas o bispo Sisnando (que, din, estaría soterrado no lugar) e asemade hai quen sostén que o alcaide da fortaleza foi un tal Xelmiro, pai do logo arcebispo Xelmírez. Por certo que a este último se lle atribúe a construción da capela románica dedicada a Santiago ao pé dunha das Torres, que tamén xogarían o seu papel nas liortas que o propio Xelmírez mantivo coa raíña dona Urraca a comezos do s. XII (e algún día haberá que falar desta figura e da pegada que deixou no Reino de Galicia, incluso desde o punto de vista do patrimonio inmaterial e das lendas, pois raro é o castelo do que non se conte que nel estivo ou durmiu a tal señora…).

O certo é que un bispo de Iria Flavia, Cresconio –que logo morrería na fortaleza– doouna xa no ano 1024 á Igrexa de Compostela e neses tempos sitúase a noticia, ou lenda, de que unha cadea pechaba e protexía, a vontade, o acceso de naves polo Ulla arriba. Naquel mesmo ano, en documentos do reinado de Afonso V cítase a construción (ou reconstrución?) do Castellum Honesti, sendo pois un tal Honesto o seu alcaide ou gardián.

As Torres de Oeste cruzadas pola ponte moderna
As Torres de Oeste cruzadas pola ponte moderna
Desde fins da época medieval, as Torres de Oeste sufriron unha longa etapa de abandono, pese a algunhas citas dos s. XVIII e XIX, ata que o seu nome se veu “reflotado” en tempos modernos (fins dos anos 60 e comezos dos 70) coa iniciativa da chamada “vikingada”, unha das primeiras festas históricas de Galicia, co seu éxito lúdico-económico e, tamén, as súas servidumes patrimoniais…

Un último chanzo nas agresións á contorna das Torres, sendo como xa era un conxunto histórico e como tal castelo xa fora declarado Monumento en 1949 (de xeito xenérico como todos os castelos, fortalezas e torres) produciuse a fins do s. XX coa construción da xa citada ponte e estrada para cruzar o Ulla.