As terras de Celanova, con longa historia e moito patrimonio cultural, caracterízase ademais pola gran abundancia de persoeiros en todas as súas etapas, da antiga á máis recente, moitas veces vinculadas á Igrexa e tamén á música, destacando, sobre todo desde o século XIX, no mundo da escrita con autores de grande renome.

Comezamos o percorrido histórico no Castromao, xacemento que nos dá os primeiros nomes: polo achado dunha placa de bronce ou Tabula hospitalis, sabemos que Caio Antonio Aquilo, prefecto da Cohorte I dos Celtiberos. fai no ano 132 dC un pacto de hospitalidade recíproca co pobo castrexo dos Coelernos, antecedente directo dos actuais celanoveses.

Capela de S. Miguel de Celanova
Capela de S. Miguel de Celanova
A seguinte etapa céntrase preto daquel castro, en Vilanova dos Infantes (en realidade, Infantas pois eran as fillas de Alfonso X (chamado o Sabio, Afonso IX en Galicia). Alí fundaran un mosteiro e a primeira fortaleza Ilduara (ou Aldara) Eriz e o seu home Gutierre, pais de San Rosendo, a gran figura que funda Celanova (Coelia –dos CoelerniNova), etapa esta a do s. X moi ben representada na pequena pero marabillosa capela de S. Miguel, de estilo mozárabe, que aproveita un lugar sacro de reminiscencias prerromanas e onde asombra ver como no amencer dos equinoccios de primavera e outono o sol a atravesa pola minúscula ventá absidal cunha impresionante raiola.

Asorey fixo o gran monumento homenaxe a Curros nos Cantóns da Coruña

S. Rosendo é, xa que logo, a figura que imprime a historia e o carácter de Celanova e do seu mosteiro, que hoxe vemos sobre todo na súa magnificencia barroca, pero que ten uns antecedentes case únicos no coro (chamado Alto) do s. XVI con representacións que nos introducen directamente no mundo da música, pois alí aparecen talladas nas ‘misericordias’ dos sitiais varias figuras con instrumentos, entre elas un curioso demo gaiteiro que parece identificar a música profana co mal, aspecto e criterio este que moi logo se traduciría no efecto contrario ó ver as esculturas, relevos e pinturas dos s. XVII e XVIII que enchen o resto do mosteiro, sendo de destacar as do monumental órgano onde a música xa é “celestial” e o termo non é banal pois alí ten transportado ó ceo ós presentes nos seus concertos a admirada organista Marisol Mendive.

En paralelo ás obras finais no mosteiro, a partir dos s. XVIII e XIX empezan a documentarse os grandes interpretes músicos do concello celanovés, coas históricas bandas de Vilanova e de Celanova, esta última con moitas gravacións e unha das máis recoñecidas da Península. Eles son os “xingreiros” pois o músico celanovés é un xingro que idea unha xerga propia, ó estilo dun barallete ou fala corporativa e protectora da súa profesión.

Demo gaiteiro no Coro alto de Celanova
Demo gaiteiro no Coro alto de Celanova
Coa música estiveron relacionados dous persoeiros chamados Castor (ou Cástor): C. Elices, que foi, entre outras cousas, poeta e tamén promotor e protector das actividades musicais desde a súa casa da Alameda da vila, e C. Méndez Brandón, que foi avogado e político pero tamén barítono de renome.

Son ambos case coetáneos do escritor celanovés de maior sona, Manuel Curros Enríquez (1851-1908), autor dunha numerosa obra pero da que resaltaremos aquí os Aires da miña terra, porque nela recolle a curiosa lenda da Virxe do Cristal, ó pé de Vilanova, tristemente recordada polo roubo hai poucos anos da minúscula imaxe (quizais do s. XVII), roubo que causou a dramática morte do párroco do Santuario, lugar de enorme devoción na comarca.

Escultura Curros en Celanova
Curros en Celanova
Curros, que tamén nos fala doutra referencia da música nestas terras, o Gaiteiro de Penalta, quedou perpetuado nun poderoso busto feito polo “escultor da raza” Francisco Asorey, colocado diante da Alameda e mirando retador ó mosteiro, pois son ben coñecidos os problemas que o autor tivo coa Igrexa en toda a súa vida. O propio Asorey fixo o gran monumento homenaxe a Curros nos Cantóns da Coruña, terra de adopción final do escritor.

Para rematar aquí coa nómina de persoeiros (que é máis ampla e segue aberta como sabe calquera que coñeza as terras de Celanova) lembremos a Celso Emilio Ferreiro, nado poucas casas máis abaixo da casa de Curros (hoxe xestionada pola exemplar Fundación da Casa dos Poetas), dándolle carácter a esta ‘Calle Arriba’ fronte á máis típica e popular ‘Calle Abaixo’. Celso Emilio, de extensísima e transcendente obra no mundo literario galego resumiu a aprecio pola súa terra coa súa obra Onde o mundo se chama Celanova.

S. Rosendo no retablo de Celanova
S. Rosendo no retablo de Celanova
O percorrido podemos pechalo de novo en Vilanova das Infantes, lugar ó que está vinculado (aínda que nado en Ourense) outro prolífico escritor de referencia en Galicia, ademais de activista político coherente e combativo como Xosé Luís Méndez Ferrín, que na súa obra Arnoia Arnoia tamén nos recorda a cunca fluvial que drena estas terras históricas, de xentes cultas e traballadoras.

Para saber máis recomendamos o libro con CD musical de OUVIRMOS, Itinerarios histórico-musicais. Celanova, (Xunta de Galicia 2007).