Ese carácter especial foi posto de relevo en gran medida polo empeño e os traballos de Federico Maciñeira Pardo de Lama (Santa María de Mogor – Mañón, 1870 – Ortigueira, 1943), erudito, escritor e arqueólogo, unha figura non valorada como se merece no ámbito galego, agás –acaso– na súa comarca natal e no ámbito da súa principal dedicación.

A costa de Ortigueira
Federico Maciñeira foi cronista oficial de Ortigueira
Se seguimos ata Espasante, no castro da Punta dos Prados están os restos dunha sauna castrexa e galaico-romana, descubertos e escavados moito despois das prospeccións de Maciñeira por toda esta zona. Máis aló, chegaremos á punta máis setentrional da Península Ibérica, o Cabo de Estaca de Bares. Zona esta na que moito traballou don Federico, pero que tamén nos ofrece uns curiosos e espectaculares restos duns muíños de torrenteira, ademais das ruínas dunha base militar e o correspondente faro, que preside este impresionante enclave.
Pero é na zona do núcleo mariñeiro e portuario de Bares onde Maciñeira centrou boa parte dos seus traballos, atraído polo seu vello coído ou peirao de grandes coios, que foi considerado primeiro como “fenicio” e logo como romano (ocupación galaico-romana comprobada en tempos recentes nesta zona), sen prexuízo do seu uso como enclave vinculado á explotación da caza (que non pesca) das baleas.

Sauna castrexa da Punta dos Prados
A este porto de Bares dedicou Federico Maciñeira a súa obra principal e máis coñecida, elaborada cando era membro do Seminario de Estudos Galegos, onde colaborou co seu amigo tamén arqueólogo, etnógrafo e escritor Fermín Bouza-Brey. Este promoveu en 1947, en Santiago, a edición da gran obra (póstuma) de Maciñeira, Bares. Puerto hispánico de la primitiva navegación occidental, un fito na bibliografía arqueolóxica galega do século XX.

Federico Maciñeira
No castro da Punta dos Prados están os restos dunha sauna castrexa e galaico-romana
Comezou as súas investigacións arqueolóxicas moi novo (a súa primeira publicación é de 1893), centrándose, como queda dito, na ampla zona entre Ortegal, Bares e As Pontes, onde localizou máis de trescentas mámoas (túmulos funerarios), que converteron dita zona nunha das máis densas do megalitismo galaico. Foi entre 1930 e 1932 cando se dedicou aos traballos sobre o porto de Bares e o seu coído pétreo, de enorme interese xeolóxico e histórico.

Coído do porto de Bares
A raíz do levantamento militar de 1936, o seu galeguismo fixo que fose apartado dos seus traballos e quedou confinado en Ortigueira ata a súa morte en 1943.
Entre moitos outros, cómpre citar os seus traballos como Investigaciones prehistóricas de Galicia (en La Ilustración Artística, 1895); Los Fenicios en Galicia (La Ilustración Española y Americana, 1896); Los castros prehistóricos de Galicia, I-IV (Revista Crítica de Historia y Literatura Española, Portuguesa e Hispano-Americana, 1897 e 1900).
