Domingo Fontán naceu en 1788 nunha aldea do concello pontevedrés de Portas dentro dunha familia acomodada e, como di Pombo, instruído por un tío cura que protexía relixiosos franceses fuxidos da Revolución, aprendeu idiomas e coñeceu avances científicos procedentes de Francia. Estudou Humanidades e Ciencias Exactas na Universidade de Santiago e ós 24 anos xa era catedrático auxiliar e logo titular. Foi discípulo e amigo do gran matemático de Bermés, José Rodríguez (1770-1824), outro galego egrexio.
Composición de Fontán (retrato de A.M. Esquivel, 1852), e o seu mapa.
Fontán estaba convencido de que para a economía do país se necesitaban boas comunicacións e estas dependían dun axeitado trazado e representación dos camiños, o que só se podía conseguir coñecendo a topografía e con mapas precisos que sinalasen cidades, vilas, parroquias, lugares, camiños, montes, vales, ríos…, ideas estas nas que coincidiría co seu coetáneo o monfortino Alejo Andrade Yáñez, todo un personaxe que foi arquitecto, enxeñeiro, académico da Real da Historia e deputado en Madrid, e que estaba convencido da importancia das comunicacións, das que foi varias veces trazador e responsable, a todo o cal uniu o interese pola historia e a arqueoloxía pois a el se debe a conservación das dúas únicas ventás que quedan da muralla de Lugo na torre da Mosqueira, así como a construción da ponte que une as illas de S. Simón na ría de Vigo.
Así, coa estreita colaboración de Andrade Yáñez (e amizade, reflectida na correspondencia mutua), Domingo Fontán acometeu o inxente traballo de elaboración do primeiro mapa científico de Galicia. Cun experimento inicial feito no Pazo de Sobrecarreira (Cambre), no que medía os ángulos formados entre a súa base e os lugares prefixados, puido concretar os métodos e cálculos que lle habían servir para os levantamentos topográficos posteriores.
O primeiro vértice xeodésico fixo para comezar o traballo púxoo Fontán na torre da Berenguela da catedral de Santiago, onde a través das observacións dos astros marcou a súa latitude e altitude, e a primeira liña recta básica dende a que partir para deseñar outras que permitirían formar os sucesivos triángulos imaxinarios trazouna ó norte de Santiago, entre Boisaca e Formarís.
Detalle da zona de Portas no mapa de Fontán.
O trazado e a medida de rectas e ángulos nos que se cruzan en horizontal permitía facer planos, pero para compoñer o mapa tamén era obrigado sinalar accidentes orográficos como serras, montes, vales, etc., por medio da triangulación en vertical. Asemade, outro dato a ter en conta era o da altitude con respecto ao nivel do mar do lugar onde se encontraba e para iso Fontán contou coa axuda do seu irmán Andrés.
Por todo iso, é doado supoñer a enorme cantidade de cálculos que necesitou para levar a cabo o seu magno proxecto, e así entender que tivera que percorrer toda Galicia, a pé ou a cabalo, por montes e chairas, rías, ribeiras e vales, agras e fragas… para compoñer o seu mapa de Galicia. Entre outros datos anotou 467 estacións xeodésicas, máis de 3.600 parroquias ou curatos e todo tipo de accidentes xeográficos ou sitios de interese, loxicamente naquela época -primeira metade do s. XIX- xa cun bo feixe de topónimos castelanizados e deturpados. Incluso tivo ansia de anotar na zona de Portas o nome da súa aldea de Porta de Conde (sic) marcada no mapa como “Patria del Autor”.
Mapa de Galicia de D. Fontán.
Posteriormente, fixéronse copias deste mapa, que foron moi prezadas tamén nos medios da emigración galega en América, mentres moitas outras quedaron en Galicia, como a do Instituto de Lugo (hoxe o Lucus Augusti), ou a do Pazo de Tor (Monforte de Lemos) ou a do Pazo de Trasalba, venerada polo seu morador Ramón Otero Pedraio, gran devoto de Fontán.
A precisión deste mapa non se viu superada ata 1950, cando outros medios topográficos e as fotografías aéreas permitiron reelaborar, completar e matizar os cálculos e trazados feitos 150 anos antes. Domingo Fontán descansa merecidamente en paz, logo dos seus ímprobos traballos. no Panteón de Galegos Ilustres da igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval.