A extensa comarca, e lindeiros, denominada do Val Miñor (ou do río Miñor, cruzado pola ponte medieval da Ramallosa) ten moito interese histórico e patrimonial, e confórmase en torno ó citado río, non lonxe da beira atlántica e incluíndo a Serra da Groba, entre Nigrán e Oia pero cun importante papel dos concellos de Baiona e Gondomar. Desta comarca sabemos moito en boa medida polo inxente traballo do Instituto de Estudios Miñoráns, que vén realizando desde hai anos moitas actividades e publicacións de todo tipo e conta con persoas sempre dispostas a compartir os seus saberes e experiencias a prol desta ampla zona do suroeste galego.

Mosteiro de Oia
Mosteiro de Oia
Como practicamente en toda Galicia, a comarca miñorá ofrece moitas e variadas mostras das etapas pre e protohistóricas, con espectaculares conxuntos de gravados rupestres coma o da Pena da Auga da Laxe, ademais de restos megalíticos, castros, e tamén con achados arqueolóxicos galaico-romanos, por exemplo na zona de Mougás, ou altomedieval coma o castelo da Serra do Galiñeiro, un alto cordal granítico como a citada Serra da Groba, áreas de moito interese natural e patrimonial.

A Idade Media, iniciada cando se ergueu a capela suévica en Panxón (logo afrontada ó Templo Votivo do Mar de Antonio Palacios), vén porén nucleada polo Mosteiro de Oia, fundado no 1137 pola Orde do Císter, nun enclave singular con elementos históricos e mesmo etnográficos, como é a súa comboa ou recinto que aproveitaba as mareas para a pesca litoral. Hoxe queda a igrexa, coa súa fachada barroca cara ó mar, desde a que se escorrentou ós piratas turcos no s. XVII, o que lle valeu para recibir da monarquía española o título de ‘Real`. Pasada a Desamortización de 1846, xa no s. XX este mosteiro converteuse en campo de concentración franquista e, en tempos recentes, tras varios intentos frustrados de rehabilitación para ter un uso hostaleiro, agora estes parecen chegar a callar, iso si, con substanciosas axudas públicas da Administración autonómica.

Diego Sarmiento de Acuña
Diego Sarmiento de Acuña

A Idade Moderna, a partir da segunda metade do s. XVI está marcada no Val Miñor polos Condado de Gondomar, sobre todo polo seu primeiro titular, Diego Sarmiento de Acuña, que nos tempos de Felipe II afrontou o episodio da captura do pirata inglés Francis Drake e xogou un importante papel diplomático de embaixador en Londres. Tamén cómpre lembrar que o segundo Conde, do mesmo nome, chegou a ser gobernador de Baiona, que hoxe os lembra dándolle o seu nome ó Parador de Turismo. Por mor do casorio dunha descendente daqueles Condes cun Fernández de Córdoba, o Pazo de Gondomar pasou a ser do Ducado de Medinaceli, pechando así a súa historia que, segundo contan, iniciara o rei godo Gundemaro (do que vén o nome de Gondomar, e se non é vero é ben trovato...).

Nigrán, capela sueva e Templo do Mar
Nigrán, capela sueva e Templo do Mar
Os séculos XVIII e XIX virán marcados, como en tantas zonas do país, polo traballo agro-gandeiro (coa cría e coidado de gando en liberdade das vacas e cabalos -ou burras do monte- cos seus correspondentes curros para a rapa das bestas-, e os labores da pesca e marisqueo, cunha curiosa e orixinal creación de topónimos e microtopónimos (coa talasonimia na mesma superficie do mar!, como ben estudou o polifacético investigador Xosé Lois Vilar Pedreira).
Pena da Auga da Laxe
Pena da Auga da Laxe
En outubro de 1936 a represión imperante produciu nove asasinatos da comarca miñorá e outros dous en Sabarís, lembrados aqueles na chamada Volta dos Nove ó pé do mar, onde durante décadas se repoñían as cruces de recordo pese á férrea censura franquista. No monumento hoxe alí chantado e celébrase o Día da Memoria no que tamén xoga un papel fundamental o amentado Instituto de Estudos Miñoráns.

Hoxe, toda esta ampla comarca corre o enorme perigo dunha excesiva saturación turística cunha grande presión inmobiliaria e hostaleira, sobre todo na costa, ó tempo que a impoñente Serra da Groba ten que defenderse doutras agresións de igual ou maior alcance e de todo tipo, e parece que se vai salvando, tamén coa activa colaboración daquela entidade cultural exemplar.

Ponte da Ramallosa (Nigrán-Baiona)
Ponte da Ramallosa (Nigrán-Baiona)

Para saber máis:
C. Pérez Pérez: Un percorrido pola historia do Val Miñor, (Deputación de Pontevedra), Pontevedra 2012.

Soliño Troncoso / J. Chamorro Sanromán: Percorridos do Patrimonio Cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor, (Concello de Gondomar – Instituto de Estudos Miñoráns), Vigo 2018.