En moitos foros, escritos, audiovisuais e ámbitos mediáticos volve falarse de Prisciliano, tema que, en realidade, sempre estivo aí e nunca se foi. Nas últimas décadas apareceron novos traballos e interpretacións da súa figura, dos seus textos e do seu impacto na cristianización da Gallaecia, coma se pode comprobar nunha simple pescuda bibliográfica, pois ademais de lembrar nomes como B. Segura, J. Cabrera, Uxío Romero, Xosé e Ramón Chao Rego, Diego Piay ou Victorino P. Prieto, o priscilianismo foi tema dun Simposio en Compostela en 2006.

Un posible retrato de Prisciliano
Prisciliano defendeu unha doutrina que preconizaba o ascetismo e o rigorismo e daba un papel relixioso á muller, entre outras.
As fontes literarias relativas á Gallaecia dos s. IV e V comprenden textos a favor e en contra do priscilianismo: por un lado, o propio Prisciliano, Latronio ou Dictino, e por outro, Avito, Toribio de Astorga, Baquiario, Paulo Orosio ou Hidacio (xa no s. V), e neles reflíctense as incidencias e vaivéns da cristianización galaica e as súas peculiaridades. Por algúns deles sabemos que xa no 255 había células cristiás en Astorga e León ligadas, quizais, ó mundo da milicia. Aquela literatura abrangue tamén os relatos de viaxes a Terra Santa e Oriente coma o moi singular de Exeria (quizais da familia imperial de Teodosio e para algúns con concomitancias ou relacións co priscilianismo). Algúns destes relatos do tránsito entre o s. IV e o V non ofrecen excesivos datos sobre o propio país pero si sobre as ideas e a formación dos seus protagonistas.

Porta Nigra de Treveris (Trier, Alema§a)
Quizais de orixe galaica (ou para outros, lusitana), Prisciliano formou de seguida coas súas accións e prédicas un grupo de adeptos que conseguiu facelo Bispo de Ávila, e defendeu unha doutrina que preconizaba o ascetismo e o rigorismo, daba un papel relixioso á muller, propugnaba o xaxún e as xuntanzas singulares e, en fin, trataba de aglutinar e promover aspectos que a Igrexa, vinculada xa ó poder romano estaba esquecendo desde as súas orixes, sen entrarmos a discernir sobre a ortodoxia ou heterodoxia da súa doutrina teolóxica e litúrxica.

Textos de Prisciliano (ed. B. Segura 1975)
O máis importante para a Gallaecia foi que a herdanza do seu pensamento continuou e ata se afianzou aquí de ta1 xeito que incluso os seus detractores recoñecen que se renden culto ós seus restos
Ó final, despois de ter problemas co emperador Graciano, Prisciliano e algúns dos seus compañeiros son decapitados diante a Porta Nigra de Treveris por condena do emperador Máximo no ano 385 (a primeira vez que o poder civil axustizaba un ‘herexe’). O máis importante para a Gallaecia foi que a herdanza do seu pensamento continuou e ata se afianzou aquí de ta1 xeito que incluso os seus detractores recoñecen que se renden culto ós seus restos e os dos seus discípulos, que serían trasladados aquí. Foi isto, en boa medida, o que serviu a algúns (coma o abade galo L. Duchesne xa en 1900, contestado logo por A. López Ferreiro) para suxeriren que o culto a Santiago era en realidade unha superposición ou unha “cristianización” do que debía renderse a Prisciliano que, se ben caería en desgraza ante a Igrexa oficial, deixaría pegada no pensamento e organización do primeiro cristianismo galaico polo menos ata fins do s. VI, moito despois da súa morte. O certo é que o priscilianismo asumiu o compoñente de rebeldía social e aglutinou os descontentos co devalar do moribundo Imperio, ata o punto que autores como A. Barbero dubidaron se chamalo herexía ou movemento social relacionado coas revoltas dos “bagaudas”, mentres outros, como Blanco Freijeiro, quixeron ver unha relación entre os priscilianistas e algunhas villae dos privilexiados da época.
