Non fará falla explicar o interese e a importancia do extenso territorio que é a chamada Ribeira Sacra do Miño e do Sil, pero hai que ter en conta que hai zonas ou subzonas que non están exactamente debruzadas sobre aqueles ríos senón algo separadas delas e que locen igualmente o seu patrimonio, pero, en cambio, tamén hai aspectos e sombras que non parecen respectar precisamente o carácter histórico e paisaxístico daquel territorio, nin sequera agora que continúa en trámites de acadar a súa consideración de Patrimonio Mundial por parte da UNESCO.

Montederramo e Xunqueira, arte e historia

Partindo de Ourense pola estrada OU-536 que vai ás terras de Trives e Castro-Caldelas, pasando por Niñodaguia, cos modernos obradoiros cerámicos nos que sobrevive a súa vella tradición oleira, e subindo logo ós altos do Couso e do Rodicio para, unha vez cruzado o encoro de Leboreiro, remontarmos o río Mao, afluente do Sil, chegamos a Montederramo.

O Mosteiro de Sta. María foi fundado en 1124 segundo un documento asinado en Allariz pola raíña Tareixa de Portugal e no que figura, seica por primeira vez, a cita da ‘Rivoira Sacrata’. En 1153 pasa a formar parte da Orde do Císter e desde ese momento exerce un gran labor colonizador nestas altas terras sitas entre a Serra de S. Mamede e o val do Sil. No século XVI e xa dependendo da Congregación castelá de S. Benito, os edificios románicos son substituídos polas construcións renacentistas que son as que hoxe maiormente vemos e nas que funcionou un prestixioso Colexio de Artes.

Montederramo claustro
Montederramo claustro, Mosteiro fundado en 1124, segundo escrito da raíña Tareixa de Portugal que por primeira vez cita a ‘Rivoira Sacrata’

En 1820 foron presos e executados 16 monxes acusados de seren contrarios ó réxime constitucional de entón e a Desamortización de 1837 fixo que as súas dependencias pasasen a mans privadas e a igrexa quedara como parroquia.

A fachada da igrexa foi proxectada en 1589 polo xesuíta Juan de Tolosa nun sobrio estilo herreriano, e ó s. XVII pertencen o retablo maior e o cadeirado ou “sillería” do coro, pero varios dos seus elementos foron despezados e trasladados a varios lugares no propio mosteiro e fóra del, aínda que hoxe están restaurados.

Conserva dous claustros do século XVI, un máis grande e antigo con trazas do gótico tardío e outro máis pequeno e clasicista cos típicos medallóns que representan figuras relixiosas e personaxes da época. Ambos claustros, que tiveron varios usos, están conectados por un singular espazo abovedado.

Hai sitios de xantar no mesmo Montederramo, e logo podemos facer a viaxe de volta incluíndo outras dúas interesantes paradas.

Primeiro, un pequeno desvío achéganos ata o centro de Xunqueira de Espadanedo onde está o antigo Mosteiro que foi agostiño en orixe (sobre 1150) pero que en 1170 pasou a ser da Orde do Císter. Ó románico do s. XII e XIII pertencen a súas tres naves e ábsidas de influxo compostelán pero a fachada, cunha estilizada torre, é neoclásica do XVIII, mentres que o que queda do claustro é dun sinxelo pero moi esvelto estilo renacentista.

S. Pedro de Rocas, interior
S. Pedro de Rocas, interior, a fins do século VI (final da época sueva) fundouse unha capela rupestre, logo enclave de eremitas

San Pedro de Rocas, memoria da Galicia sueva

No concello de Esgos, outro desvío lévanos ata o conxunto de S. Pedro de Rocas, situado nunha espléndida paraxe natural (deixando á parte algunha repoboación forestal…) que agora, ademais, se quere transformar ancheando estradas para que os grandes autobuses acheguen alí un turismo multitudinario e non sostible que acabará deturpando o carácter histórico e natural daquela paraxe.

Deixamos a un lado unha vella pero monumental construción que foi granxa monacal, e ascendemos a un dos monumentos cristiáns máis antigos de Galicia, pois -segundo unha lápida que se conserva no Museo de Ourense- a fin do século VI (ó final da época sueva) fundouse aquí unha capela rupestre que logo foi enclave de eremitas ata que se reconverteu nunha pequena igrexa prerrománica e románica da que quedan restos de pinturas murais e tamén, de épocas anteriores, varias sepulturas antropomorfas talladas no penedo.

Tamén se ergueu sobre unha das penas do lugar unha airosa espadana en época posterior (s. XV?), igual que é moi posterior a contigua e maciza casa dos monxes do s. XVIII, reconvertida hoxe en Centro de Interpretación.

Todo isto conforma un conxunto patrimonial e natural moi atractivo neste chamado Monte Barbeirón, inzado de curiosas formacións graníticas, algunhas en forma de rocas de fiar (e de aí, e non de ‘rochas’, o topónimo do sitio), que merece a nosa visita pero tamén o máximo respecto pola súa contorna por parte de institucións e particulares.