Facemos desta vez unha viaxe, dun día e duns 50 km, pola comarca do Salnés, o vello territorio Salinensis, chamado así polos labores que nel se facían relacionados co sal e a salgadura do peixe. Centrarémonos en varios enclaves arqueolóxicos cun grande interese patrimonial e certo valor etno-antropolóxico, ao que se xuntan valores naturais e medio-ambientais, pois estamos no Espazo protexido intermareal e das marismas do Umia-O Grove.

Castro de Besomaño
Castro de Besomaño

Empezamos polo Castro de Besomaño

No interior do concello de Ribadumia está o Monte do Castro de Besomaño, ao que agora se chega ben, pois desde o ano 2011 fixéronse nel traballos arqueolóxicos. Situado nun esporón de planta elíptica cun amplo dominio do val final do Umia, conta cunha croa e dous aterrazamentos, sendo un dos maiores do Salnés. Este castro foi ocupado en tres fases sucesivas, desde o s. V a.C. ata o s. I d.C., no que sería abandonado. Destaca unha gran “casa-patio” similar ás doutros castros e entre as numerosas pezas aparecidas, abonda a cerámica castrexa, hai algunhas mostras de orixe púnica, así como moitos muíños de man e obxectos de bronce como fíbulas.

Escavacións na Lanzada
Escavacións na Lanzada

A Lanzada, algo máis ca unha praia!

A Lanzada (en Noalla) non é só unha praia afamada pola súa concorrencia, sobre todo no verán, e pola súa paisaxe, senón que é un importante conxunto arqueolóxico e histórico que ten (ou tiña) ademais varias connotacións etnográficas como o baño propiciatorio da fertilidade coas nove ondas en noites de plenilunio.

Este amplo xacemento foi escavado parcialmente nos anos 50, 60 e 70 e na última década foi obxecto de novos traballos, o que permitiu definir mellor un sitio que ten un poboado prerromano, aberto e sen murallas (cousa rara no contexto galego da Idade do Ferro), que vai do s. VIII ao V a.C. e con continuidade nun ‘barrio comercial’ que chegaría ao s. I a.C., marcado por materiais galaicos, pero con indicios de contactos con navegantes púnicos, gregos e tamén romanos. Logo formouse alí unha villa ou gran casal de época galaico-romana e sueva entre os s. II e VII, cunha extensa necrópole de inhumación; e por último, acolleu unha fortificación durante case mil anos, quizais entre o s. V e o XV, encadrada na liña defensiva da ría de Arousa, da que quedan restos dunha torre e a coñecida ermida mariana de traza románico-gótica.

A presión turística e inmobiliaria sufrida por esta zona desde hai décadas fixo que hoxe o patrimonio visible da Lanzada sexa máis reducido, pero conserva valores naturais, históricos e paisaxísticos que lle deron sona; podiamos dicir que case morre polas propias características do turismo masificado, irresponsable e non sostible.

Torre e ermida da Lanzada
Torre e ermida da Lanzada

Rematamos no Grove

Hai moitos lugares para xantar nesta zona e na veciña do Grove, nome que vén dun orixinal prerromano Ocobre, que logo separou o O inicial como se fora o artigo e mudou as sílabas, resultando así O Grove (que sería *Ogrobe).

Este concello ten, na súa parte menos transitada de S. Vicenzo, os restos da vila e necrópole tardorromana do Adro Vello. A rentes da Praia do Carreiro e moi preto da Punta do Castriño quedan, aínda que malamente visibles, os muros do que foi unha vila ou mansión romana dos s. III-V, cunha pequena industria de salgadura de peixe, villa que logo foi reutilizada como lugar de culto paleocristián (cunha igrexiña dos s. IV-VII?) que durou ata a época medieval e onde apareceu unha moeda de Fernando II (1157-1188), que ten no reverso unha imaxe da translación en barco do apóstolo Santiago. O conxunto complétase cunha necrópole que vai desde a fin do Imperio Romano ata a Idade Moderna, con tumbas de moitos tipos, varias delas dos defuntos da peste do s. XVII.

Restos en Adro Vello do Grove
Restos en Adro Vello do Grove