Comezamos esta serie, como non, polo principio. Viaxando polo nordés galego, onde a Serra de Meira serve de divisoria de augas entre o Eo, que vai ao Cantábrico, e o pai Miño, que, desde o Pedregal de Irimia, acabará no Atlántico. Imos logo polas terras de Meira, Riotorto e A Pastoriza. Precisamos dun día, nunha rota de 100 km, saíndo desde Lugo.
Meira: a feira e o Císter
Nestas terras temos ocasión de deleitarnos con interesantes elementos e conxuntos naturais e patrimoniais. Saíndo de Lugo pola estrada N-640, quedará no camiño, pero deixámolos para outra rota, o monumental Castro de Viladonga co seu museo, así como moitas outras cousas dignas de coñecer nesta parte da Terra Chá.
Debemos deternos en Meira, e máis aínda se coincide nun domingo da concorrida feira quincenal, para coñecer, da man da competente guía da oficina de turismo, o mosteiro cisterciense de santa María, unha xoia arquitectónica do románico tardío que agora ofrece, ademais, a atractiva novidade de ter completamente recuperada a chamada Sala das Reliquias, situada tras da ábsida da igrexa e que alberga unhas pinturas do manierismo avanzado, que son case un exemplo unicum en Galicia cos seus retratos de santos da Orde do Císter.
Do Pedregal á terra dos ferreiros
Desde Meira, e seguindo os indicadores, subimos de seguida ao Pedregal de Irimia, verdadeiro nacemento do Miño, patrimonio global e lugar que sempre fai apampar pola súa forza natural e simbólica, aínda que hoxe está agredido polos voraces eucaliptos.
Seguindo a N-640 e subindo ata o Marco de Álvare, desviámonos ata a Ferreira Vella, a uns 11 km desde Meira e xa en terras de Riotorto, para visitar o antigo mazo recuperado ás beiras do río, onde podemos xantar (se non o fixemos antes na Casa Cazoleiro do Pedregal) no restaurante que alí funciona para completar este atractivo conxunto natural e etnográfico.
Nos dominios de Maeloc
Desde As Rodrigas, capital do concello de Riotorto, e por estradas boas pero pouco coñecidas, subimos á Cruz da Cancela e de alí baixamos ata Bretoña, a vella sé do bispo Maeloc, dos bretones ou britóns do século VI, se ben a igrexa actual é moito máis moderna, aínda que está chantada sobre un antigo castro do que apenas queda nada visible.
Un pouco máis adiante, un desvío á dereita (pola Grandaleza) achéganos, cunha breve andaina, ata o Castro de Saa, na parroquia pastoricense de Baltar, un impoñente xacemento que recorda o de Viladonga polo seu gran sistema defensivo e que agora está empezando a escavarse, comprobándose que a súa ocupación entra tamén en plena época galaico-romana.
E podemos rematar o día vendo o “outro nacemento” do Miño en Fonmiñá, un dos moitos alagamentos e “fontes” que ten o Miño na Terra Chá, cun breve paseo por unha coidada paraxe natural que ten unha escultura pétrea de Maxín Picallo, dedicada ao pai dos nosos ríos.