Propoñemos dedicar un día ás terras de transición entre a montaña interior da Coruña e a ría de Betanzos e Ares. Pola A-6 chegamos ata Montesalgueiro onde apartamos cara ás terras altas de Irixoa, deixando á dereita o val do alto Mandeo por Muniferral e Ponte Aranga para achegarnos así ó noso primeiro destino: o Mosteiro de Santa María de Monfero.
Santa María de Monfero
Citado xa no século X, no s. XII constrúese a igrexa e cenobio románicos que deseguida se vinculan á Orde do Císter dependendo do mosteiro de Sobrado e logo, desde 1506, á Congregación de Castela. Pero destas partes medievais non queda a penas nada pois o que vemos hoxe é, sobre todo, o que se construíu entre 1622 e 1656, en pleno estilo barroco galego, seguindo trazas do mestre Simón de Monasterio. O interior da igrexa (se tivésemos a sorte de poder velo) é dunha soa nave pero ten no cruceiro unha monumental cúpula oitavada. No brazo norte do cruceiro está a capela da Virxe da Cela e tamén ten mérito a sancristía e os catro sepulcros do s. XV doutros tantos membros da liñaxe dos Pérez de Andrade e Moscoso.
Con todo, o que máis chama a atención de Monfero é a curiosa, orixinal e grandiosa fachada principal, na que alternan o granito e a lousa nun coidado axadrezado xunto con descomunais columnas e imaxes de santos.
Ten tres claustros: un medio arruinado do s. XVI; outro –o máis pequeno pero o mellor– que é obra de Juan de Herrera entre fins do XVI e mediados do XVII, e un terceiro de comezos do XIX pero que non chegou a ser rematado.
Santa María de Monfero
Beireando as Fragas do Eume ata san Miguel de Breamo
Beireando a marxe esquerda das Fragas do Eume polas estradas AC-150 e AC-144, pasaremos a rentes da poderosa e altiva Torre ou Castelo dos Andrade en Nogueirosa, que se pode visitar e que nos permite comprobar como vixiaba toda a bocarribeira do Eume.
Sen entrar en Pontedeume, subimos pola vella N-651 ata Campolongo onde un desvío á esquerda nos pon nunha empinada estradiña que sobe ata o impoñente Monte Breamo desde o que, se non fose polo arborado, poderiamos ver ben as tres rías do Golfo Ártabro (A Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol). Neste lugar, de reminiscencias ben antigas, está a pequena pero espléndida igrexa románica de San Miguel. No s. XII pertencía a un mosteiro de monxes agostiños que desapareceu no s. XVI quedando só o templo de cruz latina, case con aires de fortaleza porque ten poucos motivos decorativos pero moi bos; nun contraforte da fachada figura a data da ERA MCCXXV (ano 1187). Aínda que non ten culto, celébranse aquí romarías en maio e en setembro.
Xardíns do Pazo de Mariñán
San Salvador de Bergondo
Antes ou despois de xantar (á nosa conveniencia, por Miño, Bergondo ou Guísamo), hai que ir ata a igrexa do antigo mosteiro de San Salvador de Bergondo. Aparece citado en documentos de fins do s. XII (en concreto de 1193) pero foi suprimido na reforma de Isabel e Fernando en 1506 pasando a depender do mosteiro santiagués de San Martiño Pinario. A igrexa románica, que foi custeada por Fernán Pérez de Andrade, rematouse en estilo gótico e dela destacan as harmoniosas proporcións das súas tres naves e tres ábsidas, ás que se apegan os restos da parte conventual do s. XVI que logo foi convertida en casa reitoral, e no interior garda varios sepulcros de estilo gótico e algunha capela, como a de Santa Catarina, con bóveda cruzada.
Ermida da Espenuca
Polas beiras do Mandeo
Remontando o curso do Mandeo e bordeando a zona de marismas da ría de Betanzos, chégase ó Pazo de Mariñán. Ademais de intentar ver o interior cunha breve visita guiada, habemos dar un paseo polos seus agradables xardíns cos coidados labirintos de buxo e os grandes eucaliptos, ó parecer, dos primeiros que viñeron de Australia. O lugar foi residencia fortificada de Gómez Pérez das Mariñas no s. XV pero converteuse en Pazo no s. XVIII segundo demostran as grandes escalinatas barrocas e neoclásicas de estilo compostelán. O último dono, Xerardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza, que o doou á Deputación coruñesa, era señor de Láncara e por iso o Pazo chamouse tamén de Láncara (e de Bergondo, por ser este o concello de pertenza).
Remataremos a nosa viaxe baixando, desde a antiga N-VI á altura de Coirós, ata o lugar de Chelo, onde fixeron no seu día o Centro de interpretación da Natureza do río Mandeo.
Tamén desde a N-VI e pasando case a rentes das igrexas dun interesante románico rural en Colantres, Coirós e Santiago e Santa María de Ois, desviámonos á esquerda para chegar ó singular enclave de Santa Eulalia da Espenuca (do latín spelunca, ‘cova’), que ofrece outra visión máis alta e panorámica da mesma paisaxe do Mandeo, aínda que hoxe inzada de eucaliptos. A súa ermida románica do s. XII está chea de ritos e lendas e xa aparece citada como cenobio, ó parecer, nos séculos V e IX. A espadana, tamén románica, sitúase apartada do pequeno templo, e neste lugar hai desde gravados rupestres de difícil acceso ata incluso unha escultura de 1986 cunha imaxe neogótica da Nosa Señora da Espenuca do escultor contemporáneo Fernando García Blanco.