Propoñemos desta vez un percorrido que se pode iniciar desde varias zonas e que nos levará desde Agolada ata Aciveiro, ou viceversa, viaxando durante toda unha xornada polo interior da provincia de Pontevedra, ben pasando por Lalín, se imos desde o interior, ou ben por Cerdedo, se imos desde as Rías Baixas ou desde Santiago, e por zonas onde atoparemos sitios abondo para xantar.

Os pendellos de Agolada

A vila de Agolada xurdiu arredor da súa importante feira xa en época medieval, que nun principio parece ser que tiña lugar nas brañas do Farelo, pero que logo se trasladou ás terras de Agolada, onde se construíron os seus afamados Pendellos, moi interesantes -no seu día e pola súa propia función- desde o punto de vista económico, pero tamén patrimonial pola súa importancia etnográfica e antropolóxica.

Naceron como lugar de garda, refuxio e mesmo vivenda, tanto das persoas como de animais, que chegaban de puntos moi dispares o día anterior e pasaban a noite neles agardando pola feira do día seguinte. Os pendellos son construcións humildes, pero moi sólidas e que cumprían á perfección a función para a que foron deseñados. Podemos distinguir os pendellos expositores, cos mostradores de pedra para a exhibición a cuberto dos produtos do campo, dos pendellos que servían para xantar a resgardo da auga ou do sol. Nos días de feira cada quen levaba o polbo comprado nos caldeiros de cobre, fundamentalmente do Carballiño, e o xantar completábase coa carne ao caldeiro, o pan, os cachelos, viño, café e augardente de caña.

Pendellos de Agolada
Pendellos de Agolada

O interior dos pendellos era un pequeno recanto no que se albergaba ás veces unha lareira; o resto ocupábase coas mesas e bancos de madeira moi rudimentarios. Os casetos e pendellos de almacén ou para o gando deron paso tamén, co paso do tempo, ás construcións que servían de pousada e albergue e os seus propietarios convertíanse en eventuais hostaleiros. Hai construcións mesmo de dous pisos, nos que na parte baixa durmían e gardábanse as bestas e no piso de arriba as persoas. Estas edificacións pertencían xeralmente ás familias de máis recursos económicos.

A data da construción inicial dos pendellos de Agolada pode situarse no s. XVII, pero non falta quen lle atribúe orixes medievais. O conxunto é hoxe Ben de Interese Cultural, como un espazo protexido e en período de recuperación, pois desde os anos 60 do s. XX sufrira a progresiva desaparición ou deturpación de moitos dos seus elementos; hoxe a maioría deles son de propiedade publica. En todo caso, seguen formando un conxunto patrimonial de moitos valores históricos, arquitectónicos, antropolóxicos e sociais de raizame popular.

Aciveiro, cabeceira da igrexa
Aciveiro, cabeceira da igrexa

O Mosteiro de Aciveiro

Pasado Lalín, preto do Alto do Candán e case ao pé da estrada PO-534 que vai de Lalín a Pontevedra, por Cerdedo (ou ao revés), atópase o Mosteiro de Aciveiro, declarado monumento (hoxe Ben de Interese Cultural) xa en 1931. Érguese sobre o val do alto Lérez e o seu nome atribúese á abundante presenza, en tempos, de acivros.

Nunha inscrición dun dos muros que dá ao claustro das procesións leuse a data fundacional do 2 de febreiro de 1135, detallando que a comunidade inicial estivo integrada por doce frades bieitos, que en 1162 daría paso a un cenobio de monxes do Císter.

A igrexa ten un notable interese arquitectónico, xa que na súa estrutura non reflicte a sobriedade ornamental doutras igrexas cistercienses e parecen máis acusadas as influencias da escola do románico compostelán. De planta basilical, con tres naves e tres ábsidas, destaca a posición gradual destas, sendo pentagonal a ábsida maior e semicirculares as menores. As naves, coa central de maior altura, cóbrense con teitume de madeira que apoia nos muros que a separan das naves laterais. Cómpre salientar o chamado ‘falso triforio’ ou galería que se dispón sobre as bóvedas laterais, de presenza rara en Galicia, a non ser nas catedrais urbanas ou nas igrexas ourensás de Xunqueira de Ambía e Santa Mariña de Augas Santas. Os arcos desta galería elevada son de medio punto e arrancan de columnas con capiteis de ornamentación sinxela.

Aciveiro logo da restauración hostaleira
Aciveiro logo da restauración hostaleira

A fachada da igrexa foi refeita no s. XVIII e o retablo maior, atribuído a Miguel de Romai, reflicte a traza da maioría dos retablos dos cenobios reformados na etapa barroca, con dous corpos superpostos, divididos en treitos por columnas que enmarcan os nichos laterais e os ocos centrais.

O conxunto do mosteiro, abandonado e moi derramado despois da desamortización do s. XIX, está hoxe reconvertido para usos hostaleiros, en xeral con certo respecto para os seus valores patrimoniais.

Mosteiro de Aciveiro
Mosteiro de Aciveiro

Para rematar a viaxe

Se quixeramos completar a nosa viaxe, podemos deternos, por exemplo, nun dos núcleos centrais da Terra de Montes, o de Cerdedo, coa súas interesante ermida e a ponte de Santo Antón, ou tamén parar na Eira de Pedre, onde hai un interesante conxunto de dezasete hórreos en bo estado de conservación e algúns restaurados, nun outeiro que ofrece boas vistas sobre a comarca, complementada coa vella ponte románica sobre o Lérez e a moi belida paraxe da carballeira de San Xusto ou da igrexa románica de Santa María de Sacos.