Viaxamos ao norte para facer un percorrido, de carácter arqueolóxico, etnográfico e paisaxístico, que podemos iniciar ben a partir da boca do río Masma en Foz, ou ben pola outra punta desde a ría de Ortigueira. É un percorrido dun día en auto e duns 90 km.

A Mariña central

Desde Foz, unha vez pasado Fazouro, co seu castro debruzado sobre o cantil, e tamén pasado Burela, achegámonos ata o porto de San Cibrao. Na súa península documentáronse varias construcións dun poboado castrexo, sobre todo na súa etapa galaico-romana -entre os s. II a.C. e II d.C. polo menos. Trátase dun castro con defensas naturais e vinculado ás correntes comerciais desde tempos moi antigos. Ó ser un lugar habitado ó longo do tempo e hoxe urbanizado en parte, o sitio sufriu varias desfeitas desde o punto de vista patrimonial, algunhas delas nas últimas décadas se ben así se puido escavar parte do poboado e exhumar moitas pezas arqueolóxicas. A Punta da Atalaia é un enclave arqueolóxico pero tamén natural e paisaxístico de moito interese na costa lucense, e únese ó incentivo de ter S. Cibrao un Museo do Mar, o primeiro fundado en Galicia, que merece moito a súa visita polos seus interesantes e curiosos fondos.

Castro da Atalaia (San Cibrao)

O punto máis ao norte da península

O seguinte punto de parada, unha vez cruzado o río Sor e a rentes da ría do Barqueiro, será Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península (hoxe “adornado” cun parque eólico), co seu impoñente faro a máis de 200 m. sobre o mar e preto dun observatorio ornitolóxico. Quedan aínda restos dun senlleiro conxunto de muíños de auga (de “torrenteira”) que baixan polos cantís case ata o mar unidos cun sistema da canles que son unha obra mestra de enxeñería popular.

Exterior do Museo do Mar (San Cibrao))

No Porto de Bares está o chamado Coído, dique ciclópeo feito de enormes coios de granito, con case 300 m. de longo e uns 30 m. de anchura, que a lenda e mesmo a bibliografía quixo ver como fenicio ou como romano pero que posiblemente corresponda ó interese polas baleas a partir do s. XVI e XVII. Pero, xaora, sabemos que esta zona de Bares coñeceu intercambios comerciais desde a prehistoria (no mundo megalítico e na Idade do Bronce) e que na enseada veciña apareceron restos dunha vila de época romana.

As terras de Ortigueira

Entrando xa no concello de Ortigueira, apártase á dereita cara a Espasante, onde hai bos lugares para xantar, para visitarmos, á beira da praia de Sto. Antonio, o singular Castro da Punta dos Prados, que domina toda a boca da ría e leva a vista ata Cariño e o Cabo Ortegal. Ó contrario que sucedía na Atalaia de San Cibrao, son aquí visibles dúas grandes murallas entre as cales se escavou unha “sauna” castrexa, é dicir, unha cámara con tres partes destinada a baños quentes e fríos, asociada seguramente a ritos iniciáticos e simbólicos; puido ter en orixe unha “pedra formosa” como as do sur de Galicia e norte de Portugal, e é o exemplo máis norteño deste tipo de construcións galaicas.

Museo do Mar (San Cibrao)

En Sta. Marta de Ortigueira, o chamado Museo Ortegalia ofrece información sobre a comarca e sobre o propio núcleo pesqueiro e urbano. Este último ten edificios característicos das vilas costeiras, con galerías e detalles de certo aire modernista e co vello convento (hoxe Concello) e igrexa (neoclásica do XVIII) de San Domingos. Tamén pode merecer un paseo a subida a un vello pero restaurado muíño de vento que nos ofrece unha boa vista sobre esta ampla ría.

Pazos de Arenteiro