Polo val do Anllóns

Cando poidamos, escollamos un día para viaxarmos polo NO da provincia da Coruña nun percorrido duns 110 km. Pola autovía A-55 ou ben pola estrada desde Santiago, chegamos a Carballo e, pasando a rentes de Buño, importante e histórico centro oleiro que nos ofrece o seu Ecomuseo Forno do Forte, e sen recalar desta vez na sempre agradable vila mariñeira de Malpica, seguiremos ata Ponteceso para facer, xusto ao entrarmos na vila, unha obrigada visita ao interesante Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), ideado e dirixido polo erudito e inquedo profesor Ricardo Pérez y Verdes, que nunha instalación modélica polo seu didactismo, cóntanos todo o que hai que saber da historia do xoguete (e mesmo do deporte lúdico), en particular para o ámbito galego.

Ecomuseo do Forte (Buño)
Ecomuseo do Forte (Buño)

Ponteceso foi berce do vate Eduardo Pondal e por iso non é casual que poetizara sobre o próximo e monumental Dolmen de Dombate, que hoxe conta cun centro de interpretación sobre este xacemento e sobre a etapa do Megalítico da Costa da Morte, que é moi numeroso e característico.

Case á beira de Dombate, podemos ver tamén o Castro de Borneiro, que esixe unha breve andaina para cruzar as súas murallas e ver a ampla coroa interior escavada desde hai anos, con moitas construcións á vista, case todas elas circulares.

Deixando á dereita os Penedos de Traba e Paradela, que fan curiosas formas naturais que a mente popular alcumou con nomes humanos e zoomorfos non menos curiosos, e tamén deixando para outra vez a ría de Camariñas, cruzaremos Baio, onde nos queda moi preto o singular conxunto etnográfico dos Batáns do Mosquetín e, cara ó sur, pasamos á beira do Castelo de Vimianzo, reconvertido en centro de información turística e artesá e tamén de celebracións lúdico-históricas.

Museo MELGA (Ponteceso)
Museo MELGA (Ponteceso)

De Muxía á ría de Corcubión

A nosa seguinte parada, que podemos aproveitar para xantar, estará en Muxía, que esixe sempre unha visita ao Santuario da Virxe da Barca e ás sufridas Pedras de Abalar (a vela), dos Cadrís (o barco) e do Temón, impresionante sitio que moitas veces é noticia polas galernas e, algunha vez, tamén polas desfeitas do lume.

Castro de Borneiro
Castro de Borneiro

Moi preto de Muxía e seguindo cara ao sur, hai que apartar unha miguiña para deterse no que queda dun antigo mosteiro bieito, hoxe igrexa parroquial, de san Xiao de Moraime, erixido á carón dunha villa ou mansión romana e xermánica, que ten dado moitos restos, entre eles, unha curiosa fonte ornamental, un hipocausto -quizais dunhas termas- e moitos materiais arqueolóxicos. A monumental igrexa románica ten unhas altas naves interiores e unhas portas moi finamente decoradas con varios temas, algúns deles xacobeos porque entre Muxía e Fisterra discorre a parte final do Camiño de Santiago, alén de Compostela e xa debruzado sobre o Atlántico.

Por esta zona, as vistas en toda a redonda xa merecen a pena, encamiñándonos cara a Corcubión, bonita vila declarada conxunto histórico pola súa arquitectura tradicional costeira (maiormente de galerías), e despois ata Cee, que ofrece a oportunidade dun breve paseo para visitar, se non é domingo, a moi interesante, orixinal e pioneira Colección pedagóxica ‘Fernando Blanco de Lema’, hoxe de dependencia municipal.

Moraime. Porta lateral
Moraime. Porta lateral