Se ben é un tema aínda aberto a debate, as orixes da actual diocese de Mondoñedo están no s. VI co bispo Maeloc en Bretoña e a partir do s. IX en S. Martiño de Mondoñedo (o Monasterium Maximi de época sueva?), coa poderosa figura de S. Rosendo no s. X e máis tarde coa do milagreiro bispo S. Gonzalo (do que se conserva o seu báculo e anel). Será a partir de 1112 cando a diocese se instala en Val do Brea (Valibria) ou Vilamaior, a actual Mondoñedo, se ben a sé episcopal estivo en Ribadeo uns poucos anos, entre os ss. XII e XIII.
Capitel S.Martiño Mondoñedo
S. Martiño de Mondoñedo
No s. IX xa existe en S. Martiño de Mondoñedo unha basílica prerrománica, aínda que hai algúns restos anteriores, quizais de época suevo-visigoda. Entre os s. XI e XII érguese o templo románico en estilo de filiación lombarda, como se ve nas ábsidas, anterior ao compostelán, se ben para algúns autores a influencia da escola do Mestre Mateo parece clara nos capiteis do interior. A actual visión da cabeceira orixinal de tres ábsidas está hoxe deformada, por mor dos enormes contrafortes que ten desde o s. XIX.
Destacan tamén a portada principal con capiteis e cun crismón ben antigos ou a serie de canzorros exteriores, pero o mellor desta igrexa está nas tres naves do interior, coa súa espléndida colección de capiteis figurados con varias escenas bíblicas, así coma o retablo pétreo ou antipendium, no que algúns ven referencias apocalípticas, ou ben as mostras de pinturas murais, tanto románicas do XII-XIII como gótico tardías do s. XV-XVI.
Castro de Ouro
A torre de Castro de Ouro
Iremos logo ata a torre de Castro de Ouro, que é o emblema do concello de Alfoz, xurisdición dos tempos medievais. A fortaleza é monumento (hoxe Ben de Interese Cultural) desde 1949 e o lugar ten orixes castrexas. Dela consérvase, sobre todo, ben restaurada, o que foi a estrutura da torre de homenaxe, que no s. IX foi dunha familia que, apoiada pola monarquía asturiana, fundaría logo un mosteiro, ao abeiro da entón diocese de San Martiño de Mondoñedo. No 1220 o rei Afonso IX (VIII do Reino de Galicia) concédelle o título de vila e todo o seu alfoz a este amurallado Castro de Ouro. Na segunda metade do s. XV ocúpao o Mariscal Pardo de Cela e, despois da súa execución, o castelo pasará a ser propiedade da diocese de Mondoñedo. Unha vez reconstruído, acabaría sendo residencia episcopal ata o s. XVII, no que se abandona ata comezos do s. XX, cando o Concello de Alfoz decide amañalo para servir de consistorio e xulgado, pero unha vez trasladada a sede municipal, converteuse nun centro de usos culturais e como punto de información turística. A igrexa veciña ten na súa porta lateral un curioso tímpano do gótico tardío.
Cunqueiro en Mondoñedo
Mondoñedo, historia e arte
Logo de xantar (hai un bo sitio na Seara) e dunha posible visita ao espazo natural e etnográfico da próxima Finca Galea, achegarémonos a Mondoñedo para gozar dun paseo polo conxunto histórico-artístico (declarado así en 1985) dunha ben antiga sé episcopal e cidade, que foi capital de provincia ata 1833.
Hai moitos sitios de interese para o visitante, pero podemos destacar algúns. Na punta norte está o Cemiterio Vello, lugar singular que xungue o histórico co popular e o artístico co simbólico; alí están, entre outros, Pascual Veiga, Álvaro Cunqueiro ou, na parte civil, Leiras Pulpeiro. Na outra punta, a sur, está a Alameda, creada en 1594 (aquí celebrouse a primeira Festa da Árbore da que hai noticia), onde están dúas grandes construcións promovidas polo bispo Sarmiento no s. XVIII: o Santuario dos Remedios, de moita devoción e cun retablo maior de moito mérito, e o Hospital de San Pablo (hoxe Asilo), ornado polo enorme escudo daquel prelado.
As estreitas rúas de traza medieval con interesante arquitectura, moitas veces brasonada, como nas casas do Rexedor Luaces ou do Concello Vello (ambas do s. XVI), acaban levándonos ata a monumental praza da Catedral, que preside a figura, e simbolicamente tamén a obra, de Álvaro Cunqueiro, mirando cara ao seu literario bosque da Silva de Esmelle e que conta xa coa súa Casa-Museo, así coma un Museo da Imprenta.
A catedral, iniciada a comezos do s. XIII, é un prodixio de conxunción de estilos, desde a porta e a traza románica e gótica das naves e do grande rosetón, ata as lanzais torres barrocas de comezos do s. XVIII, no tempo do bispo Muñoz e Salcedo. No interior son dignas de ver as pinturas murais do s. XIV, cunha expresiva escena da matanza dos Inocentes, así coma os órganos do antigo coro ou a abundante imaxinería, na que destaca a chamada Virxe Inglesa (por ser traída da catedral de Londres no s. XVI). O Museo Diocesano-Catedralicio esixe unha visita demorada e con tempo pola cantidade, calidade e variedade dos seus fondos.
Na estreita rúa Pascual Veiga, que leva á praza do Seminario, está a casa natal deste noso emblemático músico. No Seminario de Sta. Catarina, do s. XVIII, formouse unha prolífica escola literaria, maiormente poética e en galego, no s. XX con nomes como Crecente Vega, Iglesia Alvariño, Noriega Varela, Díaz Castro… Desde a súa praza chegamos á Fonte Vella, construída en 1548, reinando Carlos I e sendo bispo Diego de Soto, como indican os seus respectivos e monumentais escudos.
E aínda paga a pena andar un pouquiño ata o popular e extenso barrio dos Muíños, coas súas canles ao pé das casas e hoxe un activo núcleo de diversos artesáns, rematando logo na Ponte do Pasatempo, onde xentes dos Reis de Castela e do Cabido catedralicio entretiveron os que traían o indulto que, de chegar en hora, salvaría a vida de Pardo de Cela e do seu fillo, axustizados na praza da catedral.