Propoñemos dedicar un día a coñecer dous centros museísticos de carácter maiormente etnográfico na cunca do río Eume.
O Museo etnográfico Monte Caxado
Nas Pontes de García Rodríguez, onde a produción de enerxía do carbón cambiou por completo a paisaxe histórica desta comarca, e co fin de lembrar o estilo de vida tradicional, un grupo de persoas guiado por Xosé Mª López Ferro discorreu, formou e agora renovou, nun edificio rehabilitado no núcleo da praza de santa María, un interesante museo etnográfico denominado ‘Monte Caxado’, que naceu como proxecto pedagóxico no curso 1985-86 no colexio do mesmo nome. A industrialización fixo case desaparecer boa parte dos traballos tradicionais, tanto artesanais como agrícolas e gandeiros, que quedaron reducidos a algunhas zonas da contorna a cargo das persoas de maior idade.
Museo das Pontes, o campo
Este museo ten por obxecto continuar e desenvolver o traballo daquela colección pedagóxica, recollendo por diversos medios numerosas mostras do patrimonio etnográfico da comarca do Eume e especialmente do concello das Pontes, aínda que tamén hai pezas doutros lindeiros e doutras provincias, e mesmo doutras comunidades. Todo isto coa finalidade de poñer en valor preto de 4 000 obxectos para dalos a coñecer a todo tipo de público, investigando os aspectos etnográficos e históricos propios da zona, xa que conforman unha clara mostra do noso pasado máis inmediato como pobo, e difundíndoos con publicacións en distintos formatos e soportes, para axudar a conservar e a promover os valores culturais e patrimoniais desta comarca antes de que a industrialización cambiase para sempre o seu territorio e a súa sociedade.
Museo das Pontes, cociña
O Museo etnográfico da Capela
Podemos xantar na capital do concello da Capela – As Neves, para dedicar a tarde a coñecer polo miúdo outro museo etnográfico, nacido en 1981 noutro colexio, o C.E.I.P. ‘Mosteiro de Caaveiro’.
Estoutro Museo da Capela naceu tamén coa finalidade de actuar como un recurso educativo e de identidade social e para potenciar o desenvolvemento local do seu rico patrimonio. No ano 2001 pasou de ser unha colección pedagóxica a ser un museo etnográfico de carácter comarcal e local, que se converteu nun dos bos exemplos que hai en Galicia deste tipo de centros, xunto con outros como o da Fonsagrada, o de Melide ou o da Limia, en Vilar de Santos.
Museo da Capela, a Casa
Como punto de partida, contouse con fondos que se foron xuntando baixo a dirección de Secundino García Mera naquel colexio, como froito dunha experiencia sociopedagóxica desenvolvida coa activa participación de pais, mestres, veciños e, sobre todo, do seu alumnado. Actualmente artéllase como unha “rede” de puntos ou locais, cada un deles arredor dun centro de interese patrimonial e todos, á súa vez, interrelacionados entre si e formando unhas rutas ecolóxico-etnográficas que permiten coñecer a historia e o patrimonio desta comarca. Esta rede está integrada pola Casa do Pazo, o Parque Etnográfico do Sesín, a Escola de Guitriz e o Machuco da Ferrería.
A Casa, sede principal do museo está no lugar do Pazo e os accesos están sinalizados a partir da estrada AC-564, que une As Pontes con Cabanas. A pesar de non ser en orixe unha típica casa de labranza -pois foi casa prioral no s. XV e logo casa reitoral-, responde moi ben a aquel modelo, tanto estrutural como funcionalmente. A Casa preséntase como unha unidade básica do sistema cultural tradicional, que non só responde ás necesidades socioculturais e ás derivadas dunha economía de autosuficiencia, senón que nela tamén se transforman os produtos do campo e do gando en alimentos e constrúense os obxectos e utensilios imprescindibles para o desenvolvemento cotián da vida e do traballo. Un percorrido polas súas dependencias (cociña, pasadoiro, cuarto, sala…) e as construcións adxectivas (hórreo, forno -de gran altura-, alboios…) permite coñecer moitos útiles e apeiros necesarios para que a Casa funcionase, así como ferramentas dos oficios frecuentes na zona: o ferreiro, o canteiro, a tecelá, o zoqueiro, o latoeiro, a costureira, o serranchín…
Museo da Capela
O Parque etnográfico abrangue unha zona duns 800 m ao longo do río Sesín, afluente do Eume, e no seu percorrido explícanse mediante paneis os diversos aproveitamentos tradicionais dos recursos das Fragas: os muíños de auga (dous deles restaurados), o carbón vexetal, a recollida das castañas, a cortiza das árbores coma o carballo etc.
O Museo escolar de Guitriz representa unha escola unitaria de principios do século XX, facendo fincapé na evolución do ensino rural ao longo dos anos.
Por último, o Machuco é un exemplo da ferrería hidráulica galega, no que hoxe só queda o “banzado”, construído totalmente en pedra, e as bases do que fora a propia ferrería.