Desta vez escollemos un percorrido, dun día e duns 80 km (desde Meira a Mondoñedo), por algúns castros do nordés lucense (en realidade, astur-lucense, pero como Taramundi era do antigo convento xurídico romano Lucensis, deixámolo así), que complementamos con outras visitas de interese etnográfico e paisaxístico.

Os Castros de Taramundi

Para empezar: de Meira a Taramundi

Pola estrada N-640, desde Lugo e pasado Meira, chegamos ao val do río Eo na Pontenova, onde os antigos fornos de ferro marcan o camiño cara a Taramundi, que pasa por ser o primeiro concello peninsular que descubriu e potenciou o chamado turismo rural, coa instalación hostaleira na antiga reitoral, cos seus vellos mazos e coa súa vizosa paisaxe. A estes atractivos súmase agora a presenza do sitio de ‘Os Castros’, case no núcleo urbano e parcialmente escavado hai uns anos, con varias construcións, entre as que destaca unha “sauna” castrexa e que van desde o s. VI a. C. ata o s. II d. C., etapa final na que tivo unha ocupación relacionada coas minas auríferas astur-lucenses.

Illa Pancha desde As Grobas

Para seguir: as costas da mariña oriental

Explorando paisaxes, seguimos polo interior, pasando por Bres en dirección á Veiga do Eo (ou Vegadeo), e bordeando logo a ría de Ribadeo chegamos ao extremo máis nordés de Galicia: o faro da Illa Pancha, case a carón do Castro das Grobas ou de Piñeira, debruzado nun esporón sobre o mar, esquema topográfico que se repite en toda a Mariña nororiental e que recorda poboados da costa galesa ou irlandesa, ao fin e ao cabo, “mar por medio”. Unhas catas arqueolóxicas feitas en 2009 comprobaron que estivo habitado polo menos ata o s. II d. C., pero estamos nunha paraxe ben antiga, pois por aquí, en Louselas, apareceron varios útiles de pedra do Paleolítico inferior (máis duns 100 000 anos atrás).

Hórreo por Ribadeo

Seguindo a rasa cantábrica, aquí na súa máxima dimensión, chegamos a Rinlo, importante conxunto etnográfico, a cabalo entre porto pesqueiro e singular núcleo urbano, hoxe en parte rehabilitado por mor do traballo de persoas como a arquitecta Carlota Eiros e que ben merecía unha maior protección e promoción. Teñen sona as súas cetarias e incluso foi un escollido e recorrente escenario cinematográfico.

Logo do xantar por esta zona (Ribadeo ou Rinlo), cruzamos o río Masma, aurífero na antigüidade, para, unha vez pasado Foz, atravesar o río Ouro en Fazouro (“Foz do Ouro”) e achegarnos ao seu castro. Empezouse a escavar nos pasados anos 60 e logo foi consolidado e preparado para a visita, aínda que sufriu as agresións do home e resiste malamente os embates do mar. É un dos poucos castros, prerromanos e galaico-romanos que conserva trazos dunha escaleira para subir a unha segunda planta ou faiado dunha construción; deu moitos materiais, sobre todo cerámicos.

Rinlo

Para rematar: de Foz a Mondoñedo

A volta ao centro de Galicia podémola facer pasando pola basílica prerrománica e románica de S. Martiño de Mondoñedo (concello de Foz) e, por suposto, tamén merece unha parada que permita un breve paseo polo sempre atractivo Mondoñedo, vella capital histórica dunha provincia galega e núcleo literario de primeira orde.

Castro de Fazouro