Propoñemos desta vez un denso programa, de un ou dous días, segundo queiramos, percorrendo lugares vinculados á primeira etapa vital de Ramón del Valle Inclán, que naceu o 28 de outubro de 1866 en Vilanova de Arousa (ou nun barco no medio da ría, como din outros) e morreu en Santiago o 5 de xaneiro de 1936.
O Valle da Pobra e a Pobra de Valle
Pasado Padrón, seguimos pola beira sur da península do Barbanza ata a Pobra do Caramiñal. Nas aforas, na Ribeiriña, está un dos enclaves vinculados ao escritor, o Pazo da Mercé, do que só queda algún brasón heráldico.
No centro da vila, que é froito da unión da Pobra do Deán (núcleo fidalgo vinculado á Sé compostelá) coa aldea mariñeira e rural do Caramiñal (da planta caramiñá ou caramiñeira), atopamos o Museo de Valle Inclán, fundado en 1981 e instalado na Torre de Bermúdez, un notable edificio de traza e decoración renacentista ligado á familia e ás vivencias persoais do escritor e que xa foi declarado Monumento (hoxe BIC) en 1976. Creado para homenaxear a Valle Inclán, este museo é hoxe tamén un centro cultural de xestión municipal e conserva e exhibe diversos materiais testemuños da vida e da creación literaria deste autor xa universal, así como do seu contexto intelectual e cultural. Garda primeiras edicións de libros impresos no tempo do autor, así como unha fotobiografía súa no ámbito da literaria vila de Viana del Prior, trasunto da real Pobra do Deán, manuscritos, documentos e algúns obxectos de belas artes e artes menores.
Museo Valle-Inclán na Pobra
A vila da Pobra ten máis que ver: a igrexa de Santiago, de preciosa ábsida gótica e que contén imaxes sacras de valía, ou os diversos pazos urbanos ou rural-urbanos, xa que esta é terra vinculada a diversas liñaxes ben coñecidas: a Casa Grande de Aguiar e dos Romai e Díaz de Rábago, o Pazo do Couto dos Valderrama, as Torres dos Xunqueiras e dos Gasset…
Se imos con tempo (e bo), podemos subir ata o Monte da Curotiña, de espléndidas vistas e onde está tamén o monumental busto de Valle Inclán que aquí se colocou na súa memoria.
Museo Valle-Inclán en Vilanova de Arousa
Vilanova de Arousa: o berce valleinclanesco
Bordearemos a ría pasando por Padrón e Pontecesures cara ao seguinte punto valleinclanesco, Vilanova de Arousa. Pese ao seu nome, tamén esta vila ten unha vella historia, plasmada no seu barrio mariñeiro e, así mesmo, na traza e nas construcións, populares e fidalgas, do seu pequeno conxunto histórico.
Nel atópase o Pazo ou Casa do Cuadrante, onde se sitúa o nacemento de Ramón José Simón del Valle Peña, que logo se daría a coñecer na literatura como Ramón Mª del Valle Inclán. Polas súas ventás e de mozo, o escritor vía o Xardín Umbrío, escoitaba historias populares, sagradas unhas e tremebundas outras, que lle contaba a vella ‘La Galana’. Esta casa-museo, rodeada dun agradable contorno axardinado, mostra na planta baixa -as antigas cortes do pazo- unha exposición permanente con variada documentación sobre a vida e obra do autor, mentres na planta superior recréase a vivenda coas súas distintas estancias e onde se pode ver parte da película ‘La malcasada’, na que aparece o propio Valle Inclán.
Torre de san Sadurniño en Cambados
A maiores deste lugar, un paseo polo casco vello de Vilanova, ademais de senllas estatuas de Valle e o seu Marqués de Bradomín, descóbrenos a casa dos irmáns Camba -Francisco e Julio-, e outros sitios de interese; logo podemos achegarnos a outro lugar ligado á vida xuvenil de don Ramón, o Pazo da Rúa Nova, reflectido nalgunha das súas obras.
Cambados, lugar ilustre e de ilustres
Iremos tamén a Cambados, que nos trae á memoria nomes doutros galegos ilustres como o escritor Ramón Cabanillas, o escultor Francisco Asorey ou o artista Carlos Maside e onde o antigo Pazo dos Bazán (da liñaxe de dona Emilia) se converteu en Parador de Turismo rodeado de amplos xardíns. Ademais do núcleo da espléndida praza de Fefiñáns, co seu monumental Pazo e a singular igrexa de San Bieito, podemos ver outras construcións interesantes na zona do Casal dos Pazos, camiño do senlleiro cemiterio que se instalou na antiga igrexa gótico-renacentista de Sta. Mariña Dozo.
Fachada da igrexa de Sobrán
Desde aquí baixamos ata o Pazo de Sto. Tomé, barroco do s. XVIII, e ver incluso os restos, ben lanzais pese ao seu estado de ruína, da Torre de S. Sadurniño, un dos sitios históricos da estratexia defensiva do Salnés e da Arousa, xunto coas torres da Lanzada, as de Lobeira (Vilagarcía) e as do Oeste (Catoira).
E se aínda temos tempo e vagar, moi preto e na estrada a Vilagarcía, veremos a monumental presenza do Pazo e a igrexa románica de S. Martiño de Sobrán.