Escollemos nesta ocasión viaxar pola zona sudoeste de Galicia, na que tanto ten traballado e traballa o Instituto de Estudos Miñoráns de Gondomar a prol do seu coñecemento, promoción e difusión, pois debemos agradecerlle sempre a súa colaboración, tanto para os que se achegan desde fóra desta ampla comarca como para os seus propios moradores.

Cabalos garranos na Serra da Groba
Cabalos garranos na Serra da Groba

Para empezar: a Serra da Groba

Iniciamos o percorrido indo directamente ata o centro da vila de Baiona, onde tomamos o desvío que leva ata a monumental Virxe da Rocha, coa súa barquiña-miradoiro, unha das obras que o arquitecto porriñés Antonio Palacios deixou en toda esta comarca. Logo seguiremos camiño arriba pola estrada que sobe ás altas penechairas da serra da Groba (ou Grova, se é que, como parece, o nome lle vén do pobo galaico dos Grovios que habitaban esta comarca). Se contamos con tempo despexado, deleitarémonos coas espléndidas vistas panorámicas da abrupta costa atlántica e tamén de toda a bocarribeira do río Miñor e os concellos de Baiona e Nigrán. Poderemos ver tamén aló no alto os chamados cabalos garranos (ou ‘burras’ do monte), así como vacas en liberdade, protagonistas aqueles dos diversos e afamados curros de rapa e marcado das bestas de toda esta zona.

A Groba ten ademais un importante patrimonio arqueolóxico e etnográfico, neste caso tanto material como inmaterial. Neste sentido, tamén é unha comarca onde deixou unha tremenda e triste pegada a represión posterior á guerra civil, coma o dramático episodio sucedido na chamada Volta dos Nove da actual estrada PO-552 (de Vigo á Guarda), ben estudado nas publicacións daquel activo Instituto Cultural Miñorán.

Cruceiro de Baiona
Cruceiro de Baiona

Para seguir: Baiona, Panxón e Monteferro

En Baiona e na súa contorna atoparemos moitos e diversos sitios para xantar; antes ou despois dese momento, tenos que dedicar un tempiño a coñecer mellor o núcleo histórico de Baiona, a antiga Erizana, vinculada ao pobo dos Herminios que cita Xulio César, a Martín Alonso Pinzón no seu regreso da América acabada de descubrir na carabela Pinta e, nomeadamente, aos Condes do Gondomar (os influentes Sarmiento de Acuña), que ocuparon o Castelo de Monterreal, hoxe convertido en parador de turismo, aínda que conserva varias partes históricas de interese.

Na parte alta da vila veremos o singular cruceiro gótico da Trindade, co seu gran baldaquino do s. XVI, así como a Colexiata de Sta. María, da transición do románico ao gótico e con certos aires de fortaleza, así como a lindeira igrexa de Sta. Liberata ou, en fin, as rúas de arquitectura popular case en perigo de desaparición ante a ameaza do impacto “desarrollista” do turismo, que case acabou coa imaxe histórica de Baiona.

Igrexas en Panxón
Igrexas en Panxón

Se temos vagar, podemos achegarnos ata Sabarís, para dar un breve paseo pola histórica e etnográfica ponte medieval da Ramallosa sobre o río Miñor e mesmo ir ata Panxón (que vén dun san Pantaión ou Pantaón), onde hai restos dun castro costeiro e dunha posible vila romana) e onde está o Templo Votivo do Mar, erguido nos anos 30 e da autoría do mesmo arquitecto Antonio Palacios, situado sobre o veciño arco e muros da primitiva e interesante capela de época sueva e/ou visigoda.

Case enriba de Panxón, está o Monteferro, co Monumento á Mariña Universal, proxectado en 1913 polo arquitecto vigués M. Gómez Román, con moi boas vistas (as que nos deixa unha vella repoboación forestal), se é que a grande afluencia de xente nestes lugares en certas épocas do ano non nos disuade da idea…

Mosteiro de Oia
Mosteiro de Oia

Para rematar: o Mosteiro de Oia

Remataremos o día indo cara ao sur pola citada estrada PO-552 ata o Mosteiro de Oia, que agora xa se pode ver por dentro, se remataron as obras na igrexa -hoxe parroquial- e se a Fundación que agora xestiona a antiga e extensa parte conventual non ten algún evento de tipo privado.

O mosteiro cisterciense dos s. XII-XIII recibiu o título de ‘Real’ pola defensa que fixo en 1624 dos ataques dunha flota turca, antes das grandes obras de reformas feitas desde 1774, que deixaron unha boa parte do conxunto, incluída a fachada, tal como o vemos hoxe.

Fronte mesmo do mosteiro ábrese unha pequena cala, onde quedan os restos dunha ‘comboa’ ou ‘camboa’, curiosa estrutura pesqueira que funcionaba coa axuda das mareas.