Lévanos á singular comarca da Terra de Montes lembrar, unha vez máis e como xa se fixo en 2019, ao seu fillo egrexio Antonio Fraguas, dedicando boa parte da nosa viaxe a percorrer os lugares vinculados a este arqueólogo, etnógrafo e profesor vinculado ao Seminario de Estudos Galegos (SEG), que este ano cumpre o seu centenario.

Todos os camiños levan a Cotobade

O seu concello natal de Cotobade está hoxe unido ao de Cerdedo. Se imos desde a zona de Lugo, pasando por Agolada e Lalín e cruzando o impoñente Alto do Candán, podemos botar unha ollada ao antigo mosteiro cisterciense de Sta. M.ª de Aciveiro, erguido sobre o val do alto Lérez e do que xa falamos na Irimia n.º 1033 (decembro 2021). O conxunto do mosteiro, abandonado e moi derramado despois da desamortización do s. XIX, foi reconvertido para uso hostaleiro, en xeral con certo respecto para os seus valores patrimoniais. Se imos desde a zona de Pontevedra ou de Santiago, no camiño poderemos achegarnos á igrexa románica de Sta. M.ª de Sacos e á carballeira da afamada romaría de san Xusto, na parroquia de san Xurxo, ou ao conxunto de dezasete hórreos da Eira de Pedre.

Loureiro de Cotobade
Loureiro de Cotobade

Santiago de Loureiro

En calquera caso, e sabendo que temos sitios para ben xantar na zona da Chan–Carballedo ou en Cerdedo, imos primeiro a Santiago de Loureiro, parroquia natal do noso persoeiro. A igrexa, a uns 50 m da estrada e no núcleo máis grande da parroquia, é un bo edificio barroco no que destaca a fachada e, en particular para Fraguas, a imaxe dun Santiago peregrino, que custou 43 reais en 1694 e que se puxoe onde está agora ao construíren a actual igrexa do s. XVIII. No interior salienta o retablo da capela maior, presidido por outra imaxe de Santiago, neste caso matamouros a cabalo.

No mesmo adro, á esquerda da fachada da igrexa, está a famosa lápida de Florentina, á que Castelao lle dedicou o seu 2.º libro de Cousas: “A Florentina, rapaza que morreu de amor na freguesía de Loureiro o ano de 1857”. Castelao soubo da existencia da lápida cando pasou un verán na aldea de Pazos, para estudar e debuxar os cruceiros da contorna; a lenda da malfadada moza contoulla o pai de Antonio Fraguas, falecido en 1930. O epitafio di así:

De la prenda tan querida / yacen aquí los despojos / y no se contienen los ojos / de llorar a Florentina García / joven desconsolada / que a los 23 años de edad / pasó a la eternidad / Diciembre día primero / de vida fue el postrero / para esta joya mal lograda / 1857.

Casa natal de Fraguas e hórreo
Casa natal de Fraguas e hórreo

O Cruceiro do Igrexario, que debuxou Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza, érguese nunha encrucillada na saída cara á aldea de Insuela. Conta cun só chanzo e pedestal cúbico, do que arrinca o varal cilíndrico. O capitel é circular, con molduras na parte inferior e na superior, catro volutas cunha cabeza de anxo con ás no medio de cada lado. No anverso está Cristo e no reverso a Virxe en actitude orante.

Chamoulle a atención a Castelao a postura da man dereita de Cristo: “…nas nosas andanzas por Galiza foinos permitido atopar un cruceiro de vella traza, na freguesía de Loureiro (Cotobade); nel, o Redentor aparece coa man esquerda pechada e a dereita en postura de bendicir. Con este achádego fican esvaídas todas as dúbidas, podendo dicir que os nosos canteiros enriqueceron a iconografía cristiá cun novo símbolo de requintado sentimento”.

Peto de ánimas en Famaelga, detalle
Peto de ánimas en Famaelga, detalle

Da Insuela a Almofrei

En Insuela, á esquerda da estrada, está a casa natal de Antonio Fraguas, que é a primeira da aldea. É dun só andar, con escaleira exterior, con patín e balcón corrido por toda a fronte. Cando el naceu, a vivenda non era así, pois refíxoa o seu pai, que era canteiro, cando volveu do Brasil o ano 1912.

Na lumieira dunha porta do curral aínda queda a pintada que fixeron os falanxistas unha das veces que buscaban a Fraguas, cando estaba escondido no monte, e que el nunca quixo borrar.

Ponte de Almofrei
Ponte de Almofrei

Un pouco máis adiante, o antigo campo da feira de Famelga (que non se celebra desde hai moitos anos) é unha fermosa carballeira cunha cruz moderna no medio e, nun dos extremos, unha capela dedicada a San Bartolomeu e a Santa Lucía e un peto das ánimas cun pequeno soportal diante, que data de 1825. Ao redor hai construcións que testemuñan a importancia desta aldea noutros tempos.

Se temos un tempiño, paga moito a pena irmos logo ata Almofrei. Desde a igrexa hai que andar uns 300 m ata a súa ponte medieval, quizais do s. XV, que sobresae pola súa traza e tamén pola beleza natural do seu enclave, co paso do río Almofrei entre penedos formando fervenzas e cunha casa-muíño de varias moas. Segundo unha lenda, por esta ponte pasou a raíña Sta. Sabela de Portugal (1270-1336), cando peregrinou a Compostela.