Das terras do norte de Lugo saltamos, nesta segunda ruta, ás de Paradanta. A viaxe arranca no Santuario da Virxe da Franqueira e transcorre polas beiras do río Tea, para acabar no castelo de Vilasobroso.
A Franqueira: o mosteiro da Virxe da Fonte
Nunha viaxe duns 50 km en coche durante un día enteiro e partindo desde A Cañiza (na A52, na saída 281 desde Ourense, ou na 282 desde Vigo), imos primeiro ao Santuario da Virxe da Franqueira, un dos de maior sona de Galicia, sobre todo pola súa romaría de setembro. As lendas falan da aparición nunha cova dunha imaxe da Virxe que logo levaron uns bois ata a actual igrexa, onde parece que houbo un cenobio benedictino no s. IX, aínda que os documentos din que é en 1293 cando se fundou aquí un mosteiro do Císter, que durou ata a Desamortización de 1835. A obra principal da igrexa corresponde a un románico tardío de transición ao gótico, cunha moi boa representación da Epifanía na súa portada, coa Virxe baixo baldaquino. É moi curioso o presbiterio disposto como un corredor ou xirola para o paso das longas ringleiras de devotos.
Santuario da Franqueira
Polas beiras do río Tea
Indo logo cara ao norte, ata A Lamosa (xa no concello do Covelo) e pasando por Lougares, estaremos en Barcia de Mera, onde a igrexa medieval e barroca ten moito porte e detalles de interese, pero o que máis chama a atención deste núcleo é o antigo Pazo da Reitoral, pola súa singular fachada de 1752, con exuberante decoración a base de columnas e motivos que lembran o mundo azteca e maia, de clara e primitiva influencia indiana, conxugada coa figura dun atlante clásico. Neste ámbito patrimonial celébranse interesantes ciclos musicais, por mor do traballo do seu activo párroco, principal valedor deste conxunto.
Reitoral de Barcia de Mera
Pódese xantar na vila de Mondariz ou na de Mondariz-Balneario. Este último sempre ofrece para ver e pasear, polas beiras do río Tea, as mostras do antigo esplendor do tránsito do s. XIX ao XX, hoxe restaurados algúns dos seus edificios e coa Fonte da Gándara, cun templete feito en 1908 polo arquitecto Antonio Palacios, un dos moitos persoeiros (escritores, políticos, empresarios…) que Enrique Peinador e os seus descendentes atraeron ata aquí.
Entrando na parroquia de Pías (concello de Ponteareas), podemos subir ata o monte do Castro de Troña, coas súas zonas escavadas xa hai tempo, que ten dado numerosos achados e onde, para cristianizar o lugar, se erixiu unha ermida dedicada ao Doce Nome de Xesús.
Fonte da Gándara (Mondariz)
Vilasobroso: un castelo con vistas
Indo desde Mondariz, rematamos a viaxe no Castelo de Vilasobroso, situado sobre a N-120, no curuto dun extenso parque natural con certo interese botánico e zoolóxico, e que se presta para facer atractivos paseos a pé. O castelo, que ofrece unha ampla panorámica sobre o Baixo Miño e a beira portuguesa, xa existía a finais do s. XI e din que nel se refuxiou (como non!) a raíña dona Urraca, acosada polo conde de Traba, que proclamara rei de Galicia o fillo dela, Afonso Enríquez, contra a vontade de súa nai, que prefería outro fillo seu. Desde o s. XIV, e polo menos ata o XVIII, o castelo foi dos Sarmiento, logo marqueses de Sobroso e emparentaron tamén cos Valladares. Hoxe conserva unha das grandes torres e varios muros de defensa, cercas e ramplas, e no seu interior exhibe unha interesante colección etnográfica e histórica.