Ponte Maceira, natureza e patrimonio

Percorremos desta vez unha parte do interior da provincia coruñesa, empezando polo Val da Barcala. Preto de Santiago, polo oeste, á altura de Ames-Bertamiráns desviámonos cara a Negreira, pero antes collemos á dereita para visitar un precioso conxunto natural e patrimonial nucleado arredor da Ponte Maceira. Substituíu a outra anterior, quizais romana, sita augas abaixo do Tambre e anegada polo encoro de FENOSA en 1958. A que vemos hoxe é medieval, do século XIV, pero reformada no XVIII, e foi esencial nos camiños entre Santiago e as terras fisterrás. Foi testemuña das loitas entre o poder eclesiástico dos arcebispos Fonseca e os Condes de Traba, pois aquí lindaban os seus territorios. A súa equilibrada fábrica e as súas dimensións destacan no ámbito das pontes medievais de Galicia, cun amplo arco apuntado central e outros dous de medio punto a cada lado.

Ponte Maceira
Ponte Maceira

Este lugar ten categoría de Ben de Interese Cultural, pois mantén unhas boas condicións de conservación e conta cunha gran variedade de construcións residenciais (vivendas tradicionais, con curiosos apiarios nos muros, e o Pazo de Baladrón, de traza neo-historicista) e doutro tipo, como catro muíños, catro pombais, varios cruceiros, escudos e máis de vinte hórreos, en xeral en bo estado de conservación. A Ponte Maceira é un fito senlleiro da paisaxe da vía histórica, que é o Camiño desde Santiago a Fisterra.

Negreira, capital da Barcala

Seguindo o río Tambre, entramos en Negreira, capital municipal e cabeza do Val da Barcala, que ten unha longa historia, desde a Nicraria romana (como mansión ou parada da vía Per loca marítima, que ía -pola costa- de Lugo a Braga) ás numerosas mencións na documentación medieval e moderna sobre o seu papel estratéxico na comarca. O consistorio estivo ata 1933 no Pazo de Cotón, medieval en orixe, pero reformado no século XVII pola liñaxe dos Luaces e os Mariño de Lobeira, ata que cambiou de mans en 1866. Mantén o recordo do ameado e dos torreóns e ten un enorme corpo voado sobre a estrada para comunicalo coa veciña Capela de San Mauro.

Igrexa de Soandres
Igrexa de Soandres

Polo val do río Xallas

Saíndo en dirección a Muxía e pasado o cruce da Pereira, entramos no val do río Xallas, que cruza a Ponte de Brandomil (xa no concello de Zas). Cítase en documentos do século XII, pero sen dúbida fíxose sobre unha ponte romana e nun contexto arqueolóxico de interese, con numerosos restos na súa contorna, tanto na marxe esquerda do río como na dereita, onde se ergue un lanzal castro, formando todo un conxunto, que foi probablemente a mansión Grandimirum da citada vía Per loca marítima. A ponte, con catro arcos de boa cantería e apartadoiros nos seus tallamares triangulares, perdeu un arco central nunha forte riada en 1989, pero foi reconstruído en 1995.

Volvendo cara a atrás retomamos a estrada que nos leva a Santa Catalina de Armada, capital do concello de Santa Comba, onde hai sitios para xantar.

Torre de Celas de Peiro (Culleredo)
Torre de Celas de Peiro (Culleredo)

Cerceda, Laracha e Culleredo

Se seguimos cara ao norte, entramos no concello de Cerceda, marcado para sempre pola descomunal explotación industrial de Meirama (outra vez FENOSA), e desviámonos para entrar no termo municipal de Laracha e deseguida atoparmos a igrexa de S. Pedro de Soandres, que pertenceu a un mosteiro (por alí dinlle “o convento”) de fundación inicial bieita e románica, como mostran algúns canzorros, pero na que hoxe quedan tres macizas ábsidas e naves góticas do século XIV. Unha fonte no lugar é boa, seica, para as doenzas auditivas, hai un sobrio cruceiro e chama tamén a atención, pola súa atinada traza, o coidado palco da festa, o que é pouco habitual nestes elementos.

Remataremos a viaxe entrando no concello de Culleredo, case ao pé da A-6, que vai desde Arteixo cara a Lugo, facendo unha demorada parada en Celas de Peiro, pois aquí hai que ver a Torre que queda dunha fortaleza medieval que nos séculos XV e XVI pertenceu á casa dos Andrade e que hoxe é de propiedade municipal e ofrece, nos seus tres andares dispostos na súa altura de 12 m, un curioso museo etnográfico-histórico con traxes do país, trebellos de labranza, información histórica etc. Na súa contorna axardinada (a Horta da Torre) celébrase en abril a romaría de Santo Outel (Eutelo ou Eleuterio), coa bendición dos cans.

A carón da Torre está a igrexa parroquial de Santa María, cunha discreta fachada neoclásica, pero de construción orixinal románica, da que quedan, entre outros elementos medievais de certo interese, unha porta lateral, algúns canzorros e unha ventá na cabeceira.