As Ermidas e moito máis

A proposta de viaxe que escollemos desta vez discorre por terras pouco coñecidas, a non ser que incluamos a visita ao Santuario das Ermidas (concello do Bolo), que sempre atraeu a devotos e peregrinos e que impresiona tamén pola paraxe na que está e pola súa monumentalidade.

A súa Semana Santa ten moita sona, especialmente o seu vía crucis do Venres Santo, que congrega centos de fieis neste lugar. Ademais, a comarca é abondosa en cruceiros e no ámbito do patrimonio natural temos os vales encaixados do Xares e do Bibei, este último declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e de especial protección.

Santuario das Ermidas
Santuario das Ermidas

Precisamente para uso das moitas persoas que accedían a aquel santuario e para salvar o paso do río Xares, construíuse en Portomourisco, en 1703, unha ponte que ben merece unha parada para ver o seu gran arco e a súa grata contorna. Portomourisco foi un activo centro alfareiro, caracterizado pola presenza de mulleres oleiras que traballaban o barro en torno ou en roda baixa, actividade que cesou ao redor de 1925, pero que quedou como recordo etnográfico-histórico deste lugar.

Portomourisco
Portomourisco

A Torre do Bolo

O Bolo é un concello con moito acervo patrimonial. Non está probado que sexa a poboación galaico-romana de Volob riga, pero a súa orixe altomedieval é incontestable. A torre de homenaxe do seu castelo, de 22 m de altura, érguese maxestosa no lugar máis elevado da vila, no principal núcleo do concello. A súa construción debeu iniciarse no s. XII, pero sufriu importantes danos nas revoltas dos Irmandiños e reconstruíuse a fins do s. XV. Pertenceu aos Condes de Benavente e de Lemos e recibiu privilexios polos servizos prestados á Coroa de Castela como vila que foi de reguengo a partir do s. XVI. Abandonada durante séculos, foi logo rehabilitada cunha mostra de ambientación histórica e desde a torre, ademais de gozar da paisaxe onde predominan os viñedos, poden verse os restos da muralla, o patio de armas, o alxibe e un edificio anexo construído no s. XVII. Tamén son de interese a igrexa, con partes románicas e algunha casa señorial brasonada.

Castelo do Bolo
Castelo do Bolo

O Santuario do Cristo da Ascensión de Prada

Desde O Bolo collemos a estrada que nos leva ao concello e ao núcleo da Veiga, onde atoparemos lugares para xantar ao pé do encoro de Prada, que ata aquí chega.

Bordeando precisamente este encoro, en dirección ao Barco de Valdeorras, por Riomao e Santigoso, e subindo pola vertente norte da Serra do Eixe, pola Portela do Valado, por riba dos 1000 m de altitude e entre impresionantes paisaxes montesíos, chegamos á parroquia de Prada, onde se atopa, nun desvío á esquerda, o moi singular enclave do Santuario do Cristo da Ascensión.

É probable que esta igrexa fose construída sobre outro templo de comezos do s. XVII, pola inscrición Ascension 1609 Domini que existe na capela. As primeiras evidencias do santuario actual datan do ano 1798, aínda que xa en documentos de 1796 consta que os canteiros extraeron pedra dos “morneiros” para a construción do santuario, sufragada en gran parte coas esmolas dos fieis.

O Santuario do Cristo da Ascensión atópase nun enclave privilexiado e illado nunha impresionante paraxe montesía, rodeado dun bosque de castiñeiros sobre o río Mao. Ten planta de cruz latina, con dúas capelas laterais, unha delas con imaxes da Virxe das Dores e a outra con imaxes de Cristo. O altar central presenta unha imaxe de Cristo no momento da súa ascensión, rodeado da Virxe e dos apóstolos, imaxe que, segundo parece, foi doada polo Marqués de Figueroa e elaborada polo afamado escultor neoclásico noiés José Ferreiro.

Santuario do Cristo de Prada
Santuario do Cristo de Prada

A sancristía data de 1806 e está situada na cabeceira e a dous niveis; no superior hai un curioso balcón con envorcado de pedra e un púlpito que se utilizan para celebrar misas ao aire libre cando hai moitos devotos. O coro atópase cuberto por unha bóveda de pedra de medio canón e os muros interiores son de cachotería con perpiaños ben labrados nas esquinas.

A comezos do s. XIX levantouse o campanario e en 1825, coa adquisición dos seus sinos, deuse por concluída a construción do templo, que hai algúns anos foi restaurado e rehabilitado, xunto co seu contorno etnográfico, cuns pintorescos casetos en liña, para dar servizo a devotos e peregrinos nas datas de celebración, a comezos de xuño.

Seguindo a estrada que traïamos, e se non queremos volver sobre os nosos pasos cara á Veiga e O Bolo, a nosa viaxe pode rematar baixando ata o Sil, na zona do Barco de Valdeorras.