Pola autovía A-52, nunha viaxe dun día (uns 150 km ida e volta desde Ourense) achegámonos ao tramo galego do Támega, afluente do Douro. Monterrei e Verín comparten a súa historia pero así como o primeiro ten orixes moi antigas, o segundo adquire unha maior vida desde o s. XVIII, cando aquel conxunto fortificado perdeu importancia. Hoxe a actividade económica céntrase en Verín, cabeceira da comarca dos viños con Denominación de Orixe e onde se pode xantar.

Castelo de Monterrei

Terra con historia

Logo das liortas medievais entre algúns reis e os monxes de Celanova, no s. XV aparecen os primeiros Condes de Monterrei, en orixe os López de Zúñiga e logo os Sánchez de Ulloa, que son os que traerán a este lugar os dominicos, franciscanos e xesuítas; estes últimos, desde 1555, ocupan o veciño outeiro do Penedo Branco co seu Colexio da Compañía que, logo do seu abandono, se reconstruíu en 1965 para facer un Parador de Turismo. Esta función en 2013 pasou ao propio conxunto do Castelo, o que deu lugar a certa contestación social ao privatizar parte dun espazo que era de visita pública.

As sucesivas liñas de murallas, unhas medievais e outras dos s. XVI e XVII, ofrecen moitos elementos de interese, como a gran porta principal, chea de brasóns heráldicos das liñaxes relacionadas cos Condes de Monterrei, ou como a portada dun antigo Hospital de Peregrinos de 1429 (estamos nas beiras do Camiño xacobeo do Sueste), cun gran tímpano cun Pantocrátor e os catro evanxelistas e outras figuras e escudos posteriores. No Patio de Armas central está a igrexa de Sta. María da Gracia, que perdeu a fachada orixinal, pero que conserva unha espléndida porta do s. XIII-XIV cunha escena do paraíso no tímpano e unha boa decoración nas arquivoltas que recorda motivos de raíces prerrománicas; no seu interior está a Capela dos Condes, cun retablo pétreo con doce escenas da Paixón.

Igrexa de Vilaza, porta

A Torre de Homenaxe mandouna construír Sancho Sánchez de Ulloa en 1482, mentres a Torre de Damas ou das Donas está do lado do Pazo dos Condes, edificio con dúas galerías de gusto renacentista e xa do s. XVI, hoxe convertido en Parador.

Monterrei, Mixós e Vilaza

Ademais das boas vista panorámicas que ten, hai que lembrar que Monterrei foi unha auténtica aglomeración de edificios de traza popular e rural e que aquí funcionou unha das primeiras imprentas de España, de onde saíu en 1494 un Misal que pasa por ser o libro máis antigo de Galicia, hoxe na catedral de Ourense.

Monterrei tivo unha das primeiras imprentas, de onde saíu o libro máis antigo de Galicia

Ao baixarmos de Monterrei podemos botar unha ollada á igrexa de Sta. María de Mixós, que conserva dúas aras romanas no seu interior e trazas prerrománicas nas súas tres ábsidas, con cadansúas pequenas, pero bonitas, ventás, aínda que a igrexa foi moi reformada nos s. XV e XVI.
Tamén iremos ata Vilaza, onde a igrexa de S. Salvador, que é un bo edificio barroco con curiosos aditamentos decorativos e outros restos arredor, destaca sobre todo pola impoñente torre románica, unha das poucas conservadas en Galicia. Tamén en Vilaza cómpre botar unha ollada ás súas rúas e edificios, coma o Pazo dos Blanco-Raxoi, con varios escudos, e o Pazo de Limia, cun corpo de torre de comezos do s. XIX.

Igrexa de Vilaza, torre