Para dedicar un día a viaxar e andar (e xantar) polas terras de Castroverde (ou mellor, segundo a etimoloxía orixinal, Castro Verde, de Castrum Viridi), non estará de máis contar coa sempre estupenda colaboración, moi digna de agradecer, da activa Asociación de Amigos do Patrimonio de Castro Verde.

Polo Camiño Primitivo

Podemos comezar achegándonos (por exemplo, desde Lugo) a un senlleiro enclave do Camiño Primitivo a Santiago que cruza este concello: San Salvador de Soutomerille, coa súa vella e case abandonada pero interesante igrexa barroca do ano 1619, que é herdeira doutra quizais do s. VII e, por tanto, prerrománica, como certifica unha preciosa ventá de pedra calada que lle engadiron séculos despois, coa inscrición Quam sit antiqua ecclesia lapis inferior testatur, é dicir, “a pedra inferior [ou sexa, a ventá] testemuña a antigüidade desta igrexa”.

Non lonxe de aquí quedan as vellas Casa-Torre de Abaixo e Casa-Torre de Arriba, aínda máis arruinadas ca igrexa, así como un curioso e diminuto cemiterio, quizais usado por peregrinos e, en fin, un camiño histórico abeirado por castiñeiros centenarios e monumentais, por un dos cales a Asociación de Castro Verde ten pelexado abondo para salvalo da desfeita e da súa perda definitiva, como consta nunha placa colocada no que hoxe queda da árbore na capital municipal.

Ventá na igrexa de Soutomerille
Ventá na igrexa de Soutomerille

O Castrum Viridi

Desde Soutomerille imos ata Castroverde, para facer a visita á Veiga do Olmo e ao Miradoiro da Lomba, pasando polos pendellos do rehabilitado Campo da Feira. Na parte máis vella da vila está o castro que lle deu orixe, reconvertido no s. XIV en fortaleza dos Condes de Lemos e logo das liñaxes dos Monterrey, dos Osorio e dos Altamira, así como o edificio do antigo hospital dos tempos de Filipe V, a casa do Concello vello…, todo isto nun singular núcleo por onde pasa o primeiro Camiño xacobeo.

Castelo de Castroverde
Castelo de Castroverde

Aínda pola mañá (e se non pode ser así, pola tarde, despois de xantar nun dos diversos sitios que hai na vila), teremos tempo de baixar ata a parroquia de Sta. Eulalia de Bolaño, unha aldea que conserva un particular quiosco da música, os restos das lagas que se usaban para o liño –hoxe xa en mal estado pola falta de uso e de coidados–, un antigo forno e unha lanzal igrexa que herdou a importancia dun vello mosteiro ou convento, todo isto á beira do impoñente castro da Croa, que abeira na súa ladeira a Cova da Valiña, un importante xacemento do Paleolítico Medio e Superior galego, de hai máis de 30 000 anos.

Igrexa e Pazo de Vilabade
Igrexa e Pazo de Vilabade

A “catedral” de Castroverde

Podemos dedicar a tarde a visitar o senlleiro conxunto de Sta. M.ª de Vilabade, vinculado historicamente ao Camiño Primitivo (aínda que de xeito indirecto, e non directo, como se quixo facer nas últimas delimitacións).

Aquí veremos a monumental igrexa (a chamada ‘catedral de Castroverde’) mandada erixir en 1457 por Fernando de Castro para os franciscanos e logo reformada no s. XVII, ao que pertence o seu impoñente pórtico brasonado coas armas dos Osorio e Escobar, así como os restos de pinturas murais e o interesante retablo barroco de Francisco de Lens, seguidor do mestre escultor Francisco de Moure.

Ao lado está o Pazo que mandou construír Diego Osorio y Escobar, que foi Vicerrei e arcebispo de Puebla en México e que logo pasou á familia dos Abraira-Arana, cunha boa composición arquitectónica tanto exterior como interior e con dúas singulares labras heráldicas na fachada.

Para rematar o percorrido, subimos ata a Ermida do Carme, situada na ladeira do monte e no medio do bosque, que mostra uns detalles decorativos dignos de ver, as mesmas armas do Osorio e Escobar, e unha vella fonte con claras augas de usos tradicionais e populares ligados á romaría que aquí se celebra no mes de xullo.

Capela do Carme de Vilabade
Capela do Carme de Vilabade

Nas terras de Castro Verde, como en calquera outra comarca galega, hai moitas máis cousas que ver, das que podemos gozar e que temos que protexer e difundir, moitas máis das que recollemos nos artigos desta serie “Un país coma un mundo”, e así, neste caso, poderiamos ver os sartegos antropomorfos de Recesende ou do castro de Goi (que ten na sancristía da igrexa un vello e curioso aviso impreso que reza así: “Háblese si es conveniente, siempre empero bajo y poco, ni Dios, ni el lugar tampoco otra cosa aquí consiente”, ou ben podemos optar por percorrer os moitos muíños que hai neste concello, como os moi singulares do Ferradal, o de Rodinso ou o de Lamela…